Trazo industrial de Vigo: Hijos de J. Barreras
Como a historia dunha cidade industrial é a historia da súa industria, para coñecer Vigo cómpre coñecer a historia do estaleiro Barreras.
A comezos do século XIX José Barreras de Faus, industrial catalán do concello catalán de Blanes, atraído pola abundancia de sardiña, chegou a Galicia e asentouse na Pobra do Caramiñal. Sería José Barreras Casellas, fillo homónimo do amentado pai, o que se instalase na cidade da oliva en 1860. Co gallo de expandir o negocio familiar, ademais dos negocios da salga, dedicouse á compravenda de barcos, ao transporte marítimo ou á condución de emigrantes cara ás Antillas. A morte de José non supuxo a fin do negocio, senón que continuou e se ampliou, dedicándose dentro do sector naval á construción, á fundición e á reparación, ademais da conserva, operando como Viuda e Hijos de J. Barreras. Ao quedar pequenas as instalacións do Areal, inaugúrase a gran factoría de Coia, na Beiramar, converténdose no primeiro estaleiro da ría de Vigo que abandona a madeira a prol de centrarse na construción de embarcacións de aceiro. Algúns dos arquitectos máis destacados daquel entón, como Jacobo Esténs ou Antón Román Conde, foron solicitados pola familia Barreras para o deseño das súas empresas.
Durante a guerra civil española, Barreras foi unha empresa nacionalizada e militarizada para a fabricación de bombas, espoletas para aviación, granadas de morteiro ou proxectís de artillería, aínda que o estaleiro non deixou de ser operativo como tal. A construcción de arrastreiros conxeladores e buques factoría foi unha das patas sobre as que se asentou a época dourada da pesca na ría de Vigo, dando pé á marca Standard Barreras. A factoría chegou a ter máis de dous mil empregados. Todos os elementos, motores e pazas de barcos deseñábanse e construíanse nas instalacións da empresa. Ademais, a familia Barrerras tomou parte na constitución doutras grandes entidades, como Pescanova. Nos anos setenta, en plana crise do petróleo, o estaleiro reoriéntase á construción de plataformas petrolíferas semisomerxibles. A mala xestión durante este contexto leva o estaleiro á quebra, levando á devandita familia á perda do control da empresa, que pasa ás mans do Instituto Nacional de Industria (INI). A factoría de motores trasládase ao Porriño, para pechar pouco despois co fin de evitar a competencia con Alemaña no contexto da adhesión de España ás Comunidades Europeas. A partir de aí, o estaleiro Barreras pasou por diferentes mans (Pemex, García Costas…), ata ser integrado polo empresa asturiana Grupo Armon.