Imperio e caída de Hijos de J. Barreras
Como a historia dunha cidade industrial é a historia da súa industria, hoxe imos coñecer un anaquiño máis da historia de Vigo da man dos Barreras.

A principios do século XIX, o industrial José Barreras de Faus, natural de Blanes (Girona), asentouse na Pobra do Caramiñal atraído pola abundancia de sardiña das costas galegas. Posteriormente, en 1860, o seu fillo, José Barreras Casellas, instalouse en Vigo co gallo de ampliar o negocio familiar a través da salga, a compravenda de barcos e o transporte marítimo. Os Barreras foron unha das grandes familias da «sardiñocracia» viguesa, con factorías en Guixar, Bouzas e Alcabre. Tras a morte de José Barreras Casellas, a empresa pasou a chamarse Viuda e Hijos de J. Barreras e a súa actividade ampliouse á reparación e construción naval e á fundición, con instalacións no Areal. En 1923, ao quedaren pequenas as dependencias do Areal, decidiron edificar unha nova gran factoría-estaleiro no areal de Coia, na que foron os primeiros de toda a ría de Vigo en abandonar a madeira e construír unicamente embarcacións en aceiro. Os Barreras contaron para o deseño destas instalacións cos arquitectos máis importantes do momento, como Jacobo Esténs ou Román Conde. Durante a guerra civil, a empresa foi nacionalizada e convertida en fábrica de bombas e espoletas para aviación, granadas para morteiro, proxectís de artillería e tanques.

A factoría de Coia, cos seus Standard Barreras, arrastreiros conxeladores e buques factoría, foi unha das patas sobre as que se sustentou a época dourada da pesca na ría de Vigo, primeiro coa chegada das grandes pesqueiras de bacallau e logo con Pescanova e a aparición da ultraconxelación, e chegou a ter máis de dous mil empregados. Todos os compoñentes, motores e pezas dos barcos construíanse nas instalacións da empresa en Coia. Ademais, os Barrerras tomaron parte na constitución doutras empresas como M. A. R., Ascon ou Pescanova.

Nos anos setenta, en plena crise do petróleo, reorientan o estaleiro á construción de plataformas petrolíferas semisomerxibles. A mala xestión durante esta época leva á súa quebra e a que a familia perda o control do estaleiro, que pasa ás mans do Instituto Nacional de Industria. A factoría de motores trasládase ao Porriño e pecha para evitar a competencia con Alemaña no contexto da entrada de España na UE. O estaleiro pasa por diferentes mans (Grupo García Costas, PEMEX…) e a día de hoxe está integrado na empresa asturiana Armon.

Boa parte do patrimonio industrial que deixaron os Barrares perdeuse, como a fábrica da Rebouza —na ampliación do peirao de Guixar—, as oficinas orixinais de Coia —nun incendio— ou a fábrica de Bouzas —pola presión inmobiliaria—. Da gran factoría e estaleiro do areal de Coia so están protexidos os restos da fábrica de motores e o novo edificio de oficinas, que Armon pretende dedicar a uso hoteleiro.

Por: Newt Crafts e BeiramarDaXente
Davida
Últimos posts de Davida (ver todos)
- Thenaisie, a pegada gala na conserva viguesa - 25 Xuño, 2025
- Casa Mar, o grupo pesqueiro privado máis grande de España - 30 Maio, 2025
- Os Sacco, exemplo da influencia italiana na conserva de Vigo - 26 Abril, 2025
- A descoñecida historia dos irmáns Fernández e o nacemento de Pescanova - 25 Marzo, 2025
- Imperio e caída de Hijos de J. Barreras - 25 Setembro, 2024




