VIALIA
GNIGHT

Sacra Experience. Latexos de cultura

Pincelo, un lugar da parroquia da Sariña, en Chantada, no corazón da Ribeira Sacra, é un espazo de cultura latente. Carlota Pérez, unha das dez persoas que viven ao longo do ano neste núcleo á beira do Miño, tomou a decisión de mudarse alí cando a pandemia do 2020 nos confinou na casa. Malia que non se arrepinte en absoluto, recoñece nesta aldea lucense unha carencia de espazos culturais, falta de medios de transporte e ausencia de vínculos coa infancia. O nome de Sacra Experience designa tres cousas: unha entidade formativa, unha residencia artística e un festival. O obxectivo é achegar, ao longo de todo o ano, cultura de calidade a lugares que adoitan estar lonxe dela.

Sacra Forma é un programa formativo conformado por módulos no que expertos en diferentes ámbitos visitan Pincelo e outros espazos próximos. Por alí pasou xente como o chef Andrés Freites, a actriz e dramaturga Alma García, o fotógrafo David Jiménez, o cineasta Óliver Laxe ou a actriz e bailarina Janet Novás. Tamén se ofrecen catas de viño guiadas polo sommelier Marcos Eiré, cunha maridaxe con produtos gastronómicos da terra.

Outro dos puntos fortes deste proxecto son os retiros creativos, que se ofrecen a cinco artistas ou agrupacións de diversas disciplinas ao longo dunha semana ao mes. Neste espazo idílico a un cuarto de hora do centro de Chantada, diferentes artistas poden desenvolver os seus proxectos sen présas nin distraccións. Ao rematar a estadía, comparten os avances co lugar a través dun faladoiro ou, no caso das artes escénicas, gráficas ou musicais, dunha mostra sobre o traballo feito. Estes retiros culturais espertaron o interese de creadores como Davide Salvado, Mercedes Peón, Niño de Elche ou Su Garrido Pombo.

REVISTA SETEMBRO

Sacra Festival é un evento multidisciplinar que se celebra desde hai anos en diferentes puntos da singular paraxe da Ribeira Sacra. Trátase dun encontro único entre arte, música e natureza que, segundo adianta Carlota, aspira a medrar na vindeira edición de 2025.

Sacra Experience está en continuo proceso de expansión: proximamente anunciarase unha marca propia de artesanía realizada por nenas e nenos do centro de creación coruñés La Pequeña Bauhaus. Ademais, nuns meses estará dispoñible en Pincelo unha nova aula para desenvolver obradoiros e onde artistas e compañías poidan ensaiar durante os retiros. Un proxecto xurdido dun corazón que latexa cultura.


Lugar:                                    Pincelo, 4.º-A, A Sariña (Chantada)
Distancia desde Vigo:           135 quilómetros (aprox.)
Arredores a visitar:              Belesar, Chantada, Cabo do Mundo, Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, Praia da Cova
Información e reservas:       sacraexperience.com/gl/ | 610 53 84 43 | info@sacraexperience.com | @sacra.experience