VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Oito cousas que debes saber sobre O Marisquiño

Este xoves 8 de agosto, e ata o domingo 11, bota a andar, ou a rodar, unha nova edición do Marisquiño, e xa van 24. A ubicación principal será, igual que o ano pasado, a praia de Samil, onde terán lugar as probas de skate, BMX, break dance e Flatland. A información é tan ampla que vola resumimos en oito puntos.

Entre os deportistas de talla mundial que van estar presentes nesta edición de OM atópanse destacados skaters latinoamericanos como o peruano Angelo Caro e os arxentinos Mauro Iglesias e Matías dell Ollio; figuras destacadas do BMX mundial, como os norteamericanos Brady Baker, Daniel Sandoval ou Jeremy Malott; e grandes nomes do skate adaptado a nivel internacional como os norteamericanos Dan Mancina ou Kanya Sesser e os brasileiros Felipe Souza e Italo Romano.

Aínda que un dos puntos fortes do Marisquiño é ir paseando pola zona e ir atopando as diferentes probas de xeito casual, non está de máis levar a man o horario para saber que día e a que hora son as finais ou cando participa o noso deportista favorito. Preme aquí para consultar os horarios dos catro días.

Este ano a maior parte das probas teñen lugar nas inmediacións da praia de Samil. Falamos do skate, BMX, break dance e Flatland. Tamén dos concertos e as batallas de gallos. Na zona do Náutico atoparemos o basket 3×3 e, o sábado no Casco Vello, o tradicional descenso MTB Downtown. Como vedes, este ano o festival perde o Dirt Jump, a espectacular proba de salto con bicicleta, debido aos cambios no calendario da FMB World Tour. A continuación tendes o mapa da zona de Samil, coa localización das pistas, escenarios e postos de comida e demais marcas.

Este ano, por fortuna para os nosos veciños do norte, xa non podemos facer chistes sobre o Dépor. A que posiblemente sexa a proba estela do Marisquiño mantén a súa localización pero cambia de día. O MTB (siglas de Mountain Bike) Downtown celebrarase o sábado desde as 10:00 (adestramentos) ata as 18:00 (comezo da final) con saída desde o alto do Castro ata a liña de meta no Berbés.

Unha das novidades desta edición é que contará por primeira vez na súa historia cunha competición de skate adaptado na que participarán grandes especialistas do deporte mundial. Varios dos atletas que van estar presentes na proba de Vigo conseguiron premios importantes, ocupan destacados postos na clasificación mundial e participaron en Xogos ParalímpicosTrátase dunha oportunidade única para ver en España a figuras ás que é moi complicado reunir nunha mesma proba.

Nun festival de cultura urbana non podía faltar o grafitti. Diante do Verbum haberá dúas paredes de case dez metros cada unha para que os artistas convidados, Bubblegum e MrDheo, deixen constancia do seu talento co spray. Como cada ano, a pista da World Cup Skateboarding estará ilustrada por un mural deseñado polo equipo do Marisquiño. Neste vídeo podes ver o duro traballo que hai detrás da montaxe e pintura do skatepark.

A programación musical é outro dos puntos fortes do Marisquiño. Nos últimos anos o estilo está máis enfocado ás músicas urbanas e non tanto ao punk rock e metal, como acontecía en pasadas edicións. O festival acolle 13 propostas e a unha trintena de artistas sobre o escenario de Samil, entre os que destacan Rusowsky, Reality, ABHIR, LaBlackie, Kyne e Six Sex. Preme aquí para consultar os horarios.

A nova localización do festival, na praia de Samil, ten moitas vantaxes: é un espazo de gran beleza, onde podes ir mergullarte ao mar cando aprete a calor e deleitarte co solpor tras as illas Cíes. Pero tamén ten os seus inconvenientes: chegar ata alí, en pleno mes de agosto, pode ser algo complicado. Organización e Concello chegaron ao acordo de aumentar as frecuencias do Vitrasa: as liñas diúrnas C3, 4C, 10, 15A, 15B, 15C e 23 serán reforzadas segundo demanda e a liña N1 contará cun servizo nocturno especial cunha frecuencia de 25 minutos. Como outros anos, habilitarase un carril bici temporal na Avenida de Europa, facilitando o desplazamento de bicis, skates e patinetes eléctricos.