CAMELIAS

María Alonso Seisdedos: “As máquinas xa nos están substituíndo, e as consecuencias que ten no empobrecemento da lingua son moi evidentes”

É a responsable de que moitos libros universais estean na nosa lingua. Agochada nas palabras dos outros, María Alonso Seisdedos iníciase agora coa súa propia voz e publica As Jermaine, unha historia que, como ela mesma recoñece, naceu nun café con leite acompañado dunha fotografía en branco e negro antes dunha excursión polas fragas de Catasós. Atravesada polas letras, estdou Filoloxía na UAB e na USC, e é tradutora dende o 1985 cando se iniciou no eido da dobraxde e o subtitulado de audiovisuais, e que logo combinou coa tradución literaria, á que se dedica en exclusiva dende o ano 2018. Entre algunhas das obras que teñen a súa ollada está o Ulises, traducido a varias mans xunto a outros tradutores e tradutoras galegas, ou recentemente os libros de Irene Solà.

María Alonso Seisdedos | Lara Alonso

Estou moi ben a gusto no papel de tradutora e non me pasaba pola cabeza tal idea, pero, ao cabo, seica o que fago ou deixo de facer está gobernado polo que me xorde ou non no camiño. Como xa contei e se apunta na lapela de As Jermaine, este lerio nace dunha fotografía. A finais de agosto de 2019, Xema Sainz levoume de excursión ás fragas de Catasós. Ao chegarmos, creo, a Lalín, cada un desde unha punta de Galicia, tomamos un café con leite, disque. E disque tamén foi nese momento cando o Xema quitou o móbil, me ensinou a imaxe que agora está na capa e me contou quen eran esas catro irmás. A faísca, no entanto, non foi o que nela se vía, senón estas palabras: «Hai outra irmá, a máis vella, pero non quixo saír na foto». Ao regreso, xa nin me lembra cando pero moi pouco despois, escribín o fragmento no que se explica por que talvez esa quinta irmá non quixo saír no retrato. Paseniño, fun enchendo páxinas de pinceladas soltas ata completar a historia que ese retrato desencadeou. Abrollou entón a ocorrencia de agasallar con tal disparate o Xema e o Ed (neto dunha das catro mulleres da fotografía) e para iso tiña que publicalo.

Custa resumila sen destripar nada o que sucede nela e que debe ir descubrindo quen a lea, que é onde está o atractivo. A xente que xa a leu coincide en que é unha historia cargada de humor, retranca e un final sorprendente. A dificultade radica en que se trata de tres historias entretecidas formalmente, narradas en tres estilos distintos e que se sitúan en diferentes épocas e lugares, cuxa relación só se empeza a intuír a partir da metade do libro e que non se entende por completo ata o punto final. E, non obstante, ao longo dun texto no que todo conta e nada sobra, xa desde a páxina 6, fun estrando pistas que as enlazan.

Definina así porque non sabía e sigo sen sabelo se o que escribira merecía o custo ecolóxico que implica publicar un libro e se tiña a categoría necesaria para que fose o agasallo digno que pretendía. Tamén porque, no fondo, foi un experimento, unha especie de quebracabezas, onde quen le ten que ir casando os fragmentos que o conforman, citas iniciais incluídas.

A persoa que narra a historia que se inicia en 2004 está obsesionada consigo e por iso narra a historia que explica cal é o seu estado, por dicilo así, no momento en que a conta e que é consecuencia da súa asistencia ao velorio da muller un exprofesor do instituto. É unha personaxe secundaria na trama que se introduce nela e se erixe en principal ou coprotagonista coas consecuencias que iso ten. Co que non estou de acordo é con que a historia sexa como a vida mesma, porque na vida, por máis que tamén estea feita de casualidades, a diferenza das novelas, onde todo ten que encaixar e ser verosímil, nada ten sentido nin encaixa, de aí que a humanidade leve desde que existe tratando de buscarlle unha explicación, que pode ser científica e por sempre imperfecta, ou mitolóxica é eternamente perfecta, pois, como as novelas, é inventada.

Si, xa o comentei antes, as citas forman parte do relato, como tamén a advertencia da páxina 6, e encerran pistas do que se vai contar. En canto, ao subtítulo, se o tomei da obra aínda inédita en galego dese escritor oitocentista siberiano (que, por certo, me deu a coñecer o seu tradutor, Iago Fernández López) é porque o considero que define mellor que o nome das irmás o escuro enigma que quen lea vai atopar nesas páxinas.

María Alonso Seisdedos | Lara Alonso

Se puidese contar máis desa imaxe, estaría no libro, non te xosca, hahaha. Todo o que sei e algo máis xa está escrito. O único que podo engadir é que a foto é na realidade dez anos anterior e que a irmá máis nova, Zinney, morreu nos Países Baixos a finais do ano pasado, cando xa o conto estaba nas mans de Galaxia. É tamén unha homenaxe a ela, que se rebelou e decidiu escribir o seu propio futuro.

Isto, sospeito, ten unha resposta simple: saíu así, pedíallo o corpo á personaxe. En calquera caso e polo que me teñen dito, retranca e humor hai dabondo tamén nas outras dúas partes, só que quizais sexa esta a máis prosaica e cínica.

Ui, non, nin me pasou pola mente tanta ambición. Téñolle un enorme respecto á lingua, a calquera lingua, máis á galega se cadra porque sempre me vou sentir unha usurpadora nela. Coidar a lingua é o que fago en cada tradución, porque o merecen as obras que me confían as editoriais e as persoas que as vaian ler. Que esta historia miña teña unha linguaxe rica supoño que será a consecuencia natural dos moitos anos que levo recreando en galego as moi variadas historias doutros.

É curioso que non sexas a primeira persoa que o relaciona con Cortázar, salvando as distancias. Non pensara que se podería ler así, pero quizais sexa interesante, para quen teña máis problemas en entendela, abordala dese xeito, sempre en liña cronolóxica: 1949 (as Jermaine) – 1975 (cartas e o texto en cursiva) – 2004 (historia que abre e cerra o libro). Cando decidín convertelo en agasallo, o texto que tiña e que consistía só na historia das Jermaine (que nin sequera era como quedou na versión definitiva nin as Jermaine tiñan ese apelido), non daba para un libro, pois era só un relato breve. Decidín volver atrás e prolongar no tempo as consecuencias imparables do retrato, como se fose unha avalancha mínima e calada que, unha vez se desatou, xa non hai, se cadra, quen deteña. Para iso creei e intercalei aos poucos o conto que se sitúa en 2004, ano que escollín moi conscientemente, e, por último ―ao decatarme de que se ben eu tiña todas as pezas na cabeza e sabía moi ben o que acontecera, quen lese aquilo non me ía entender nadiña―, engadín as cartas escritas ao longo de 1975 e a escena que quizais se produciu contra 1990. Como digo, a medida que ía escribindo esoutras partes, modificaba o escrito nas anteriores para que todo encaixase.

Esmendréllome. Moita telenovela tiven que traducir nos meus inicios e parece que deixaron pegada fonda e perniciosa nestes meus miolos amolecidos. Iso é o que o explica todo. En canto ao tempo que me levou, dubido que sexa relevante. Se digo que foron catro anos de andar ás voltas con ela, nada significa, porque non dispoño case de tempo libre e funa escribindo aos saltos, cando atopaba ocos e gana, de maneira que debía reler e revisar decontino para retomar o fío. Reviseina moito tamén ao final para puír a lingua e porque cada elemento tiña que estar ben engrenado. E nese proceso de revisión e corrección quero agradecer o labor esmerado de Manuel Arca Castro.

Para responder a isto creo que teño que sacar a luz o meu lado sarcástico e ruín. Supoño que me dedico a isto porque é o único que sei facer máis ou menos e porque son bastante imbécil. Se tivese un mínimo de intelixencia, non estaría agora facendo equilibrios na corda frouxa. Os premios e os recoñecementos están moi ben e agradécense, como tamén se agradece que a xente o aprecie, pero ao cabo, cada palmadiña nas costas non é senón un empurronciño para seguir avanzando cara ao precipicio. Ao mellor outro día, respondo doutro xeito, pero hoxe, a estas horas, deume por aí. Por veces traballar no que nos gusta pode ser unha maldición.

Esas máquinas xa nos están substituíndo, éche o presente, non o futuro. As consecuencias que ten no empobrecemento da lingua son xa evidentes. Véndennolas como algo que nos vai mellorar a vida, pero só servem para que produzamos máis con menor calidade e a tarifas máis baixas, mentres alguén enriquece dun xeito obsceno. Nada diferente do que sucede en moitos outros oficios e profesións. Só as persoas que se dedican á postedición dos textos que vomitan esas máquinas saben o esforzo mental que lles esixe e a creatividade que resta. A mal chamada e nunca intelixente intelixencia artificial é algo extraordinario, por veces utilísimo en campos como a Medicina, pero en xeral ten uns custos ecolóxicos enormes dos que apenas se fala e que a humanidade non se pode permitir. Isto, claro, impórtanos a catro gatos tolos. Os humanos dividímonos en dous: os que consomen vorazmente e os que aspiran a poder consumir vorazmente. Para que queremos auga, habendo viño. Ou… ’pera aí…?

Comecei unha historia, pero non creo que a termine (se a termino, que esa é outra) ata dentro de varios anos e non porque vaia ser longa. Teño o ordenador cheo de historias empezadas que non van a ningures e que vou eliminado a cada canto. Necesito estar moi relaxada para escribir.

Penso que se fai moito de todo, non só na literatura, o mundo é un sen sentido. O problema é que así resulta moi difícil filtrar. Os grupos grandes impoñen os seus libros e condicións e son os que máis venden. Mesmo os libros de calidade que reciben boa acollida pasan nun alento e nin se sabe os que se perderán nese mar maior porque hai bodrios a ocupar o seu sitio en primeira fila. Non deixa de pesarme contribuír a iso. Coa arte en xeral sucede o mesmo que coa enorme cantidade de alimentos que se producen ou camisetas ou o que queiras que hai que cambiar cada tempada para acabar nun vertedoiro ou a podrecer no chan mentres hai millóns de persoas no mundo que padecen necesidades, que morren de morte morrida ou matada, e animais e plantas que se extinguen. Mi madriña, non sigo, que rematamos en baixón total. Por sorte, hai quen loita por un planeta máis habitable palmo a palmo: aí están os da Ulloa Viva para demostralo. Talvez haxa esperanza.

REVISTA OUTUBRO

Tensi Gesteira
Crítica literaria