Novidades musicais locais para o verán
O verán é época de concertos ao aire libre, pero tamén podemos escoitar nova música na casa, paseando polo monte ou na praia (con auriculares, iso si). Recompilamos algunhas das novidades musicais locais que saíron á luz nos últimos meses.
COPOS DE AVENA
Copos de Avena é unha nova banda de jazz e bossa formada por novos pero experimentados músicos galegos, entre os que atopamos varios vigueses. O fermoso vídeo, obra de Sara Traba, está gravado nos Astilleros Lagos.
LAW
Law, cantante do barrio de Coia, estrea dous novos sinxelos: ‘Activismo Cotián’ e ‘Chess’, producidos por Jorge Guerra co apoio do selo discográfico Galunk Producións. As dúas cancións constitúen a antesala do EP que a artista lanzará en outubro, onde a súa proposta musical consiste en unir o urbano co orgánico; o barrio coa tribo.
STONED AT POMPEII
‘Little Game’ é o segundo adianto de Blissphony, o segundo álbum de Stoned at Pompeii que verá a luz o 11 de outubro. O vídeoclip foi filmado por Rubén di Groovie. Nel os máis cinéfilos recoñecerán unhas cantas referencias a coñecidas películas.
TANGOMANGO
Tangomango é unha recente banda de soul e funk psicodélico formada por membros de grupos como The Soul Jacket, Hendersons, Zamaramandi, Flor de veneno, Cro! e Laroá. ‘Club de Funk’ é o seu primeiro tema propio.
VIMBIO
Tras o final de Sondarúa, Álex Arnoso forma esta banda con ecos a Rage Against the Machine e ao rap metal tan popular nos anos 90 e 2000. Tras actuar un par de veces en directo (na Kominsky e no Rock in Río Tea,), presentan este segundo adianto: ‘Mayday’.
DRAMSANYÚ
Dramsanyú é o proxecto persoal de Suso Valcárcel, onde publica temas en formato dixital que se poden mercar por 2 euros cada un. Estas cancións non están dispoñibles en ningunha outra plataforma, e os cartos recadados van parar para algunha asociación social da cidade. Preme aquí para escoitar un anaco do tema e, se che gusta, para compralo.
OS VACALOURAS
Os Vacalouras volven con un novo sinxelo, ‘Cantiga de Morte e destrución’. Unha canción que fala da chegada da apocalipse e a indiferenza ante a mesma. A destrución do planeta e a total aniquilación da especie humana non supoñen maior trauma, sempre podería ser peor. O mellor do videoclip é ver como voan polos aires o edificio do Concello e a torre de Toralla.
TB DUDE
Adrián Pahino, artisticamente coñecido como TB Dude, vén de publicar a comezos de xullo Ready to Sua, o seu primeiro disco.
ÁLEX CASSEN
‘TE MALDIGO’ é o novo sinxelo de Álex Cassen. Nesta ocasión, o artista sorprende cunha canción urbana, sen deixar de lado o son electrónico que o caracteriza. Cassen canta sobre unha relación en declive, confesándolle á outra persoa que xa non sente o mesmo por ela.
DIOIVO
Dioivo, dúo de black metal en galego fundado en Vigo en 2016, vén de lanzar o seu novo videoclip “Paranoia”, correspondente a un dos temas que forman parte do seu último álbum Cara os Ceios Incrementes.
FILLAS DE CASSANDRA
Tal e como explican María SOA e Sara Faro, a súa nova creación, en cuxa produción tamén participan Mumbai Moon e Greta Ch’aska, “é unha sorte de cantiga actualizada que se sitúa entre a queixa satírica e un exercición de autocrítica e introspección”. “d’ESCARNIO quere dar conta do proceso longo e complexo que supón abandonar a furia e os dixomedíxomes ata acadar un canto liberador; e que esixe recoñecer e nomear o dano para deixalo ir”, din.
ELADIO SANTOS
Eladio Santos, coñecido por formar parte das bandas Eladio y los Seres Queridos, Foggy Mental Breakdown ou Tony Lomba & Elio dos Santos, debuta en solitario con Estëreo Estrada. Un disco de pop gravado na casa coa colaboración colaboración do multriinstrumentista Andrés Cunha ás baterías, baixos e guitarras eléctricas solistas. Tamén participan nos coros as cantantes Cora Velasco, Ari Magritte e a súa filla Cora Santos.
THE MIGHTY FOXGLOVES
Este trío de folk de recente creación está formado polos músicos locais Sanny, Denis Carballás e Miguel Moldes. Cada xoves de xullo presentaron en directo na Casa de Arriba tanto temas propios como versións dos seus artistas favoritos. En setembro regresarán a este mesmo local para interpretar unha selección das súas mellores cancións.
SEN SENRA FT. AITANA
En xuño dous dos artistas máis coñecidos do panorama musical actual, Aitana e o galego Sen Senra, publicaron ‘Hermosa casualidad’. Casualidade é tamén que ambos sexan dous dos artistas programados para os concertos de Castrelos deste verán.
CARLANGAS Y LOS CUBATAS
Carlangas, ex lider de Novedades Carminha, continúa publicando temas acompañado polos vigueses Los Cubatas, alcume para a ocasión da banda Mundo Prestigio.
BROKEN PEACH
A banda máis viral de Vigo publica a súa particular versión do clásico de ABBA.
QUERIDO
A finais de maio publicouse o primeiro disco de Querido, banda capitaneada por Andrés Ferreiro.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Musicav, un cóctel sonoro ideal para o outono - 31 Outubro, 2024
- Novidades musicais viguesas para desfrutar do outono - 10 Outubro, 2024
- Concertos homenaxe a Batman e Ennio Morricone, Matt Pascale e ‘O Pequeno Poni’ esta fin de semana en Vigo - 10 Outubro, 2024
- Revista de outubro: Os templos da sétima arte - 3 Outubro, 2024
- Kintsugi, o novo espazo de movemento para aceptar as cicatrices do noso corpo - 1 Outubro, 2024