CAMELIAS MASCOTAS

‘Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos’, de VACAburra

Formado pola directora e dramaturga Gena Baamonde e mais a bailarina Andrea Quintana, o colectivo VACAburra regresa á sala Ártika cunha proposta que promete non deixarnos indiferentes: Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos. Formulada como unha «conferencia freak en formato desbordado», a montaxe aborda a disidencia sexo-xenérica a través do humor e da danza.

En palabras do colectivo, «un dos obxectivos desta peza é pasar polo corpo —queer, non normativo— os coñecementos teóricos manexados dentro da proposta, partindo de diversos conceptos e referentes que nos axudan a conformar xenealoxías diversas, xenealoxías dislocadas que cuestionan a historia escénica heterocentrada».

VACAburra artella un dispositivo escénico a medio camiño entre a lección maxistral e o espectáculo teatral para traducir de xeito escénico a tese de doutoramento que a propia Baamonde defendeu en 2021 na Universidade de Vigo: Sexualidades Des-Xeneradas na práctica escénica contemporánea.

Continuando a liña de exploración e investigación escénica transitada por creadores como Sergio Blanco ou David Espinosa, mestúrase nesta «bastardía disciplinar» a teoría coa arte performativa co fin de ofrecer un espectáculo disidente, diverso e diferente. Unha rara avis dentro do panorama teatral de Galicia.

REVISTA NOVEMBRO

Data e hora: sábado 1 e domingo 2, ás 20:00 h
Lugar: Ártika
Entradas: 10,00 € (anticipada), 14,00 € (na billeteira)

Ficha do espectáculo

  • Creación e texto orixinal: Gena Baamonde
  • Dirección e dramaturxia: Gena Baamonde e Andrea Quintana
  • Coreografía: Andrea Quintana
  • Interpretación: Gena Baamonde e Andrea Quintana
  • Deseño de iluminación: Violeta Martínez Rivera
  • Vestiario: VACAburra
  • Fotografía: Manuel G. Vicente e Cristina Cotelo
  • Vídeo promocional: A muller de 6 ollos e Andrea Quintana
  • Co apoio de: Colectivo RPM, La Fabulosa, De Corpos Presentes e Galicia Danza Contemporánea

Ernesto Is
Escritor

The following two tabs change content below.

Ernesto Is

É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.