O festival de cómic Banda á Feira regresa ao Calvario esta fin de semana
O festival de cómic Banda á Feira arranca este venres e prolongarase ata o domingo ao mediodía na peonil do Calvario. Este ano o festival contará con grandes nomes do panorama nacional que traballan para o mercado francobelga, o máis importante de Europa, como Josep Homs, Javi Rey, Alicia Jaraba ou Pau. O cartel é obra do madrileño Juan Díaz Canales, autor da mítica saga Blacksad.
Este venres 31 de maio arrinca a terceira edición de Banda á Feira, o evento dedicado ao mundo do cómic que organiza a Asociación de Veciños do Calvario. Nesta edición poderase gozar de tres días cheos de actividades, charlas, sesións de firmas, encontros e moita paixón polo coñecido como a novena arte en distintos espazos ao aire libre para, unha vez máis, reivindicar o espazo público como a mellor maneira de achegar a cultura ao gran público.
Marcado carácter francobelga
Este ano celébrase 75 aniversario da creación dun personaxe emblemático para o mundo do cómic francobelga: o can Pif. Aquel simpático can que aparecía en diferentes publicacións e revistas de ideoloxía comunista foi creado polo catalán José Cabrero Arnal, o primeiro español que traballou de forma continuada na gran meca da historieta europea.
Tras el chegaron toda unha auténtica armada de autores e autoras estatais que contribuíron coas súas obras e o seu talento para levar ao cómic a unha gran consideración social e cultural. Froito daqueles primeiros pasos, hoxe en día seguen sendo centenares os creadores e creadoras que triunfan máis aló dos Pireneos. Así, nesta terceira edición de Banda á Feira, poderase gozar de varios deles que achegarán a súa visión e a perspectiva do que supón traballar nun dos mercados do cómic máis importantes do mundo.
O venres pola tarde, fronte ao mercado do Calvario, haberá unha charla con Josep Homs que tras un inicio no mercado estadounidense con series tan emblemáticas como Red Sonja, introduciuse de cheo no cómic europeo debuxando L’Angelus con guion de Frank Giroud, a adaptación da saga Millenium ou Shi xunto ao belga Zidrou que lle valeu o premio Saint-Michel a mellor debuxo en 2017.
Xa o sábado será a quenda pola mañá para un encontro no local da asociación de veciños do Calvario con Javi Rey, que iniciou a súa carreira profesional no mercado galo da man de guionistas como Bertrand Galic, Frank Giroud ou Kris para logo continuar como autor integral coa adaptación de Intemperie, coa que gañou o premio a autor revelación 2017. O seu último traballo é un díptico xuvenil Nos coeurs tordus xunto a Séverine Vidal e Manu Causse e obtivo un premio no último Festival Internacional da Bande Dessinée de Angoulême.
Esa mesma tarde, de novo fronte ao mercado, poderase escoitar nunha charla á viguesa Alicia Jaraba que daba os seus primeiros pasos en traballos como Les detéctives du surnatural e Londe dolto para no 2022 publicar a súa primeira obra como autora integral, Celle qui parle, traducida ao español como Soy la malinche e que xa esgotou varias edicións desde a súa saída.
O domingo pola mañá, unha vez máis na praza fronte ao mercado, será a quenda de Pau, que arrincou a súa carreira no campo do humor gráfico facendo unha tira diaria no Diario de Mallorca durante máis dunha década. Desde hai máis de vinte anos publica de maneira habitual na revista Spirou, unha das publicacións máis emblemáticas do cómic francés, e a súa saga Atlas & Axis foi traducida a máis de doce idiomas. Acaba de publicar o primeiro número de Las cinco banderas baseado nas memorias do seu avó durante a Guerra Civil.
Actividades para toda a fin de semana
Ademais das charlas e encontros cos diferentes convidados, Banda á Feira propón actividades para encher toda a fin de semana de paixón polas viñetas. Tanto o sábado como o domingo, os máis pequenos poderán gozar de ata tres talleres impartidos por Kame Cómic que serán dirixidos por María Vilar e Iago Araújo.
Así mesmo, na mañá do sábado, farase a presentación por parte do debuxante Miguel Fernández da edición integral en galego de A espada de San Eufrasio, que recompila os cinco álbums da saga e, ademais, sortearanse exemplares entre os asistentes.
Sesións de firmas e PrazaDaBanda
Cada un dos días de Banda á Feira pecharase cunha sesión de firmas na que participarán os invitados ao eventos e tamén unha nutrida representación de autores e autoras locais que se unen ao ambiente festivo, de celebración e de encontro no núcleo do barrio vigués.
Tamén en cada unha das xornadas estará instalada a PrazaDaBanda, un mercadillo no que máis dunha vintena de artistas poñerán á venda as súas creacións enchendo de colorido e creatividade o festival.