La Habitación de los Pelos
O nome procede de como lle chamaba ao cuarto da casa onde empezou a cortarlle o pelo a algúns amigos, unha actividade que se converteu en negocio hai nove meses. «É unha extensión do meu cuarto da casa, pero a pé de rúa», explica Javier Fernández, cuxa andadura profesional arrancou na recoñecida Barbería Roch, onde botou catro anos ata que viu o momento de facer o que sempre quixo: abrir un negocio propio no lugar que o viu medrar, a moi poucos metros da súa casa. «Para min é un centro social; aquí corto o pelo, arranxo barbas e afeito, pero tamén hai xente todo o día».
Javier recibe unha clientela variada, desde meniños de poucos meses ata cabaleiros que piden barbeados tradicionais. Tamén se achegan señoras preguntando se lles pode lavar e cortar o pelo. «Faime graza poñerlles a capa de animal print ás persoas maiores e cortarlles o pelo mentres escoitan trap», comenta Javier, que se sente afortunado por non ter un oco libre desde que abriu. Recoñece que o seu anterior traballo lle axudou a afianzar moitos clientes.
En La Habitación recibiu a visita de algún artista coñecido, como o músico urbano madrileño Recycled J. Aínda que afirma dedicarlle ao traballo unhas sesenta horas semanais, Javier asegura que desde o momento en que abre a porta cada mañá, o traballo é diversión para el. E así espera seguir ata xubilarse.
lahabitaciondelospelosbarberia.booksy.com | 622 10 03 32 | @lahabitaciondelospelos
Érika Martínez
Redactora
Lara Alonso
Fotógrafa