Librerías viguesas: un papel fundamental
Aínda que a literatura poida soar como unha cousa abstracta pertencente ao mundo das ideas, o certo é que non deixa de ser, tamén, unha industria formada por numerosos elos que se necesitan uns aos outros para formaren unha cadea. Desde que alguén se pon a teclear no ordenador unha nova obra ata que unha persoa decide ler ese texto na casa, interveñen diversos factores. Un dos últimos, e máis importantes, son as librerías. Non só como principais puntos de venda de todo tipo de libros, senón tamén como espazos de asesoramento, sitios en que descubrir novas propostas e lugares de encontro para presentacións de novidades editoriais. Falamos con tres das máis recoñecidas e lonxevas da nosa cidade.
Librouro: «Hai que quitar moito romanticismo arredor do mundo do libro»
Rúa de Eduardo Iglesias, 12
En 1967, Antón Patiño e Raimunda Pérez abriron no centro da cidade Librouro, unha aposta arriscada tendo en conta a situación sociopolítica que atravesaba o país desde había varias décadas. Con ideoloxía galeguista, a parella escolleu este nome tan sonoro «porque tiñan o libro como ouro en pano». Isto cóntanolo o fillo, Xurxo, que desde hai tempo está ao cargo da librería canda a súa irmá Nucha. Desde os inicios defenderon o papel da literatura galega, mesmo a que se estaba a facer no exilio. Vendían ás furtadelas libros prohibidos polo réxime franquista, como Sempre en Galiza, de Castelao. Ao nacer rodeado de libros e nun ambiente tan proclive á literatura e ao nacionalismo, para Xurxo foi un paso natural facerse cargo deste histórico comercio familiar, e puntualiza: «Hai que quitar moito romanticismo arredor do mundo do libro. Non se está aquí lendo libros, precisamente; é un negocio moi traballoso e non é dos máis rendibles a nivel económico, pero si a nivel persoal»
Alén da bagaxe familiar, tres cousas son as que caracterizan a Librouro segundo o seu rexente: «O trato exquisito e o coñecemento do persoal, a importancia que lle damos ao libro en galego e o feito de ser unha librería á vella usanza, das chamadas de fondo ou de referencia». Isto significa que, á parte dunha gran parte dedicada ás novidades editoriais, cada vez máis constantes e cuantiosas —moitas veces impostas desde o sistema—, a librería mantén multitude de títulos «que teñen que estar, aínda que roten pouco». Xurxo tamén presume de non dar nunca un libro por perdido: «Buscamos ata debaixo das pedras».
«Pénsase que as bibliotecas son rivais das librerías, e é todo o contrario»
Con todo, bota en falta máis presenza da literatura no día a día, non só a través das librerías, senón das bibliotecas. «Falta enfoque institucional e cómpre facer un esforzo máis grande para que suban os índices de lectura en Galicia, que está á cola de España neste eido. En Vigo o sistema bibliotecario é aínda moi feble: seguimos esperando pola Biblioteca do Estado e só temos dúas bibliotecas públicas, namentres que A Coruña conta cunha ducia», indica o libreiro. Por se houbese algunha dúbida, engade: «Pénsase que as bibliotecas son rivais das librerías, e é todo o contrario: as bibliotecas xeran lectores que tamén mercan libros». Por último, destaca a importancia de inculcarlle á rapazada o pracer da lectura. «Nós vemos unha concienciación no ámbito familiar importante; hai moitos pais que acoden á librería cos seus fillos, pero terían que ser máis», conclúe Patiño.
Cartabón: «De non ser polo ensino público, levabámola clara»
Rúa de Urzaiz, 125
Case vinte anos antes, Gonzalo Pérez xa sabía que quería ser libreiro, pero foi o 24 de xullo de 1985 cando o soño se fixo realidade co nacemento de Cartabón. A localización desta librería é a mesma desde hai case corenta anos, situada ao pé da entrada da rúa peonil do Calvario. «Non hai moito gran lector na contorna; menos mal que nos vén moito público doutras partes», di Maribel Tato, a outra responsable deste bastión das nosas letras. As vendas a través da Rede, comentan, tamén axudan bastante a que as contas saian a final de mes. «Temos clientes en Madrid e Barcelona que nos piden libros en galego; é a parte positiva de Internet, que nos dá máis visibilidade».
É sabido que os libros para o público infantoxuvenil, especialmente grazas ás lecturas obrigatorias nos centros educativos, son un dos piares fundamentais da industria editorial galega. O feito de ter un colexio xusto diante da librería podería parecer unha bendición, pero estes os dous libreiros negan isto. «De non ser polo ensino público, levabámola clara. Se fose polos colexios privados, non vendiamos nin unha goma de borrar; xa se encargan eles de facelo todo. Nótase moito cando os mestres len e cando non», apuntan. Maribel conta unha anécdota ben ilustrativa: «Unha vez entrou unha muller coa súa filla a mercar A praia dos afogados, de Domingo Villar. Ao darllo, dille á nena “¿Por qué vas a leer eso, si puedes ver la película?”. O mellor foi que ela era mestra nunha escola privada». Outra das dificultades que atopan, e na que coinciden o resto de compañeiros de profesión consultados, é a parte burocrática ou, como eles a denominan, «a violencia administrativa». Gonzalo afirma que tampouco se senten apoiados polas institucións públicas: «Todas as políticas que fan son en contra da pequena librería; parece que estorbamos».
«Despois de moito traballo, agora é cando estamos a desfrutar»
Por sorte, nin a ausencia de lectores no barrio nin a desidia da educación privada nin a inxente burocracia nin as trabas dos diferentes gobernos conseguiron botar abaixo o soño destes dous apaixonados da literatura galega que recoñecen estar a vivir o mellor momento á fronte do negocio. «Poderiamos estar pensando na xubilación, pero temos a ilusión de seguir. Despois de moito traballo, agora é cando estamos a desfrutar», di Gonzalo, ao que engade Maribel: «Agora estamos os dous facendo o que nos gusta: atención ao cliente, lectura, presentacións…». Probablemente sexa Cartabón a librería viguesa que máis eventos acolle ao ano: desde unha reforma feita hai 12 anos, e especialmente concentrados nos últimos tempos, os muros da librería acolleu máis de 320 presentacións, documentadas en fotografías e gravacións. Con Gonzalo e Maribel, a literatura galega ten uns escudeiros inmellorables.
Libros para Soñar: «O neno que di que non lle gusta ler, é porque non se lle inculcou o hábito»
Rúa do Triunfo, 1
Sobre literatura infantil e xuvenil son especialistas en Libros para Soñar, a librería aberta en 2001 no corazón do barrio histórico da cidade. Ao seu cargo están Sandra Senra, desde hai 20 anos, e Carmela Sieiro, desde hai 15. A primeira destaca o cambio radical que sufriu a contorna nas últimas décadas: «Cando eu cheguei, non pasaba unha alma por aquí. A zona vella estaba moi deteriorada e, pouco a pouco, foise rexenerando. Agora pasa moita máis xente e iso benefícianos, aínda que o noso público vén de moitos puntos da cidade», indica. Esta tenda naceu da man da editorial Kalandraka como unha sorte de laboratorio onde levar a práctica o traballo que xa viñan facendo desde había tres anos, con especial fincapé na aposta polos álbums ilustrados.
Unha das partes máis salientables da librería é o labor a prol da dinamización da lectura, programando actividades semanais de contacontos, presentacións de libros e concertos, tanto para o público de preescolar como, máis recentemente, para o público máis miudiño. «As actividades para bebés sempre se enchen en cuestión de minutos; había moi pouca oferta neste aspecto», comenta a devandita libreira. Este traballo tan interesante foi dando froitos e a librería foi medrando.
«Medrou moitísimo o público adulto que consume álbum ilustrado»
A beleza de moitos dos libros que ofrece Libros para Soñar fai que moitos adultos tampouco se resistan a eles. «Medrou moitísimo o público adulto que consume álbum ilustrado, tamén porque agora se produce moito máis que hai vinte anos», explica Sandra. Neste aspecto, Galicia é un referente tanto en escritores como en ilustradores de literatura infantoxuvenil. A querenza pola lectura non se perde co paso dos anos. «O neno que non tocou un libro e di que non lle gusta ler, é porque non se lle inculcou o hábito», destaca Sandra, que desborda paixón polo seu traballo. «Encántame ler, adoro a literatura infantil e a ilustración, pero tamén me gusta moito o contacto coa xente; falar de libros, do día a día, dos nenos…», cóntanos. E decorar os escaparates, outro dos sinais de identidade deste comercio. Soa ou coa axuda da súa amiga a artesá de feltro Teté Núñez, a fachada desta librería chama a atención dos camiñantes do Vigo vello.
Outros espazos
Por fortuna para os bibliófilos locais, ademais das dúas Bibliotecas Públicas con senllos insignes nomes, Juan Compañel no Casco Vello e Xosé Neira Vilas en Lavadores, e das grandes superficies comerciais, Vigo ofrece outras moitas opcións onde rodearse de páxinas.
Situada no barrio de Casablanca, a librería Versus dispón dun catálogo ben variado; a sección de libros musicais é unha das máis amplas da cidade, e prestando atención ao fío musical, é probable descubrir interesantes artistas pouco escoitados.
Asemade, nunha de nome moi literario, pero tan dominada pola hostalería como Rosalía de Castro, resiste Gami, un negocio familiar aberto en 1984 cuxa característica principal é a de dispoñer de moitos libros nun espazo moi reducido e un escaparate que se actualiza decote.
Outro reduto encóntrase no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) con Lasal Books, unha librería especializada en arte, arquitectura, deseño, fotografía e ilustración onde se realizan habitualmente obradoiros artísticos para públicos de diferentes idades.
Nesta liña, a Galería Maraca contén varios andeis con libros moi chulos sobre arte, cinema, cómic, deseño, humor, ilustración, feminismo, gastronomía, música… sempre cun acabado estético salientable.
Seguindo coa banda deseñada, atopámola a esgalla en librerías especializadas como Comics Vigo, Sousa Cómics ou Mazinger, auténticos paraísos da novena arte.
Pola outra banda, Riolagares ten unha importante biblioteca de libros de segunda man en varios idiomas (galego, castelán, portugués, francés, italiano…) sobre diferentes temas, todos acompañados dun papel cun comentario personalizado sobre cada un.
Pero se o que buscamos son libros de segunda man para comprar, podémolos atopar a prezos baixos en tendas como Aida Books&More, Librus, Trotalibros Low Cost ou Re-Read. Hai moita vida á volta de cada páxina.
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024