Novidades musicais viguesas para comezar a primavera
Xa chegou a primavera e nós recomendámosvos unha banda sonora composta por novidades locais. Como sempre, atopamos unha gran variedade de estilos: folk, indie, rock, punk, cumbia psicodélica, metal… Se queres que o teu grupo apareza na próxima compilación, envía un correo a pablo@amovida.gal co disco, videoclip ou canción que acabedes de publicar.
ANTIFRÁGIL
Segundo adianto do que será o seu próximo disco, Miedo. O videoclip está dirixido por Andreia Táboas.
INDY TUMBITA & THE VOODOO BANDITS
Un dos músicos máis inquietos de Galicia volve acompañado dos bandidos do vudú con un novo disco de cumbia psicodélica, surf e rock: A Dança Ritual da Salamandra.
GUILHERME ZAPATA
Unha canción que a través do groove e do beat enérxico na línea de El Michels Affair ou Incredible Bongo Band, recolle o espírito soul de Curtis Mayfield ou Tim Maia con guiños ao son Madchester; como se uns Happy Mondays galegos voltaran tras uns anos a vivir en Miami. Para ‘Fatal’, Zapata voltou contar con Fiz e Ju (Mundo Prestigio, Carlangas y Los Cubatas) e máis Lois (Trajano!).
ADRIAN TIMMS
‘Soldiers Dance On TikTok’ é o primeiro lanzamento desta nova etapa de composición con Live Looping do músico británico afincado en Vigo Adrian Timms. Unha crítica social e introspectiva sobre como reaccionamos a día de hoxe aos conflitos bélicos e a súa banalización nas redes sociais.
YOUCANTHIDE
A poucas semanas da publicación de Guerra, o segundo disco da banda formada por Kaixo e Kings of the Beach, Youcanthide publica este novo adianto.
PABLO VILA
Mintiéndote a la cara é o nome do tema e do novo EP do músico e poeta Pablo Vila, esta vez acompañado por Los Tripulantes: Carlos Pereira á batería e Roi Fernández ao baixo. O vídeo foi gravado no estudio Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío.
MUNDO PRESTIGIO
Unha das bandas máis orixinais e inclasificables da escena local publica o seu primeiro disco, Eterna Constanza. Unha mestura de funk, rap, indie e electrónica que conta coas colaboracións de Antía Van Weil de Bifannah, Carlangas e Cibrán de Boyanka Kostova, entre outros.
SANNY
Pequeno directo ao modo dos Tiny Desk gravado na libraría A Tobeira de Oza (A Coruña) no que a cantautora viguesa Sanny interpreta en acústico tres dos seus temas, un deles acompañada ao banjo por Miguel Moldes.
MICHU DA ROCHA
Nova canción do sempre irreverente Michu da Rocha acompañado pola súa banda.
EL ÚLTIMO CICLISTA
Novo tema e novo vídeo de El Último Ciclista, o proxecto musical do uruguaio residente en Nigrán Gabrulo García. O vídeo foi filmado nas cidades portuguesas de Caminha e Monção. Segundo di o propio artista: “No es fácil ser Alberto, pero creo que mas o menos hacia al fondo o hacia el frente, todos lo somos un poco”.
SEITURA
Seitura publica o seu novo traballo de estudo Somos nós, un EP con catro cancións cuns enérxicos riff de guitarras e letras cargadas de punzante temática social. Segundo traballo de Seitura onde dan un paso adiante na madurez musical e sonora destas catro cancións que compoñen o EP. ‘Xente ceibe’ foi a canción elixida para ir acompañada dun videoclipe baixo a dirección de Breikus.
2SISTERS
‘Falling From The Top’ é un dos temas que conforman o novo disco de 2Sisters, The Hiddenmost Room, publicado o 15 de marzo.
SANTI ARAÚJO
Último adianto de Canciones para bailar, un disco moi especial que presenta un son moito máis persoal, palpable tamén nos adiantos previos, ‘Bailar’ e ‘Jilguero’.
DIOIVO
O dúo vigués de metal en galego Dioivo acaba de lanzar un novo videoclip para o seu tema “Ata o final”, pertencente ao seu último álbum Cara os Ceios Incrementes. Foi gravado no último concerto do grupo no Pub Transylvania de Vigo o pasado 23 de decembro, que serviu para presentar o traballo na súa cidade natal.
TOO MANY VILLAINS
A banda de pop Too Many Villains incorpora a Verónica Godoy nas voces para gañar un sonido más completo. ‘Pieza rara de mi colección’ é un dos tres temas que forman o EP Pieza rara.
REBELIOM DO INFRAMUNDO
Rebeliom do Inframundo publica publica ‘Nada é para sempre II’, unha versión live session da mesma canción xa incluida no seu último traballo Amor ou Barbarie (2023 Galunk Producións). Unha versión en directo coa colaboración moi especial dun coro con algunhas das mellores voces de Galicia.
ANXO ARAÚJO
Logo de tres sinxelos de adianto chega ás plataformas dixitais, e tamén en formato CD e vinilo, un álbum de nove temas onde os ritmos bailables, as percusións latinas, os ventos e os sintetizadores marcan a paisaxe sonora. ‘Aprender a bailar’ é un disco que “disipa tormentas” e que convida a celebrar a vida e a vivir o presente.
EXERIA
Xunto co novo EP Sobre a indipendencia, a banda de rock Exeria presenta o seu último videoclip ‘A Costa de frades’, gravado por Trece Amarillo.
DANI DICOSTAS
dani dicostas sorpréndenos coa súa particular homenaxe á música POP e a unha das súas divas máis emblemáticas e singulares da música latinoamericana, pAULINA rUBIO e O SEU hitazo composto por Xavier San Martín, membro de La Oreja de Van Gogh: ‘Ni una sola palabra’.
VISIONS OF JOHANNA
‘January’ é unha canción para días de choiva, que debería de transmitir a angustia e a tristeza que a inspirou. Gravada en directo, tal e como se ve no vídeo no estudio Planta Sónica, é a primeira canción nova que sacan desde a publicación do seu primeiro disco en 2022.
VILLANUEVA
Segundo adianto do novo disco de Josete Villanueva, producido por Juanma Latorre de Vetusta Morla.
SUN IOU
‘Alborada feminista’ é o segundo videoclip de Agora, o álbum debut de Sun Iou, a nova banda viguesa que mestura o rock coa música de raíz da nosa terra e que recén chega para facernos bailar e contaxiarnos da súa forza.
FILLLAS DE CASSANDRA & TANXUGUEIRAS
‘Quen é a canta’ é a primeira colaboración de Fillas de Cassandra e Tanxugueiras. Un canto á nenez e ás relacións de amizade que crecen cómplices entre amigas.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024