CAMELIAS MASCOTAS

Teatro, poesía e música para conmemorar o 8M en Vigo

O Servizo de Igualdade do Concello de Vigo en colaboración co Consello Municipal da Muller, organiza un completo programa de actividades con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres, que inclúe actuacións musicais, teatro, danza, poesía, cine e conferencias.

Baixo o lema “Libres, fortes e unidas. Por ti e por todas” a concellería de Igualdade organiza un amplo programa de actividades durante o mes de marzo para conmemorar o Día da Muller. Os eventos, todos gratuítos, dan comezo o próximo martes 5 cunha acción artística na praza da Princesa ás 12 do mediodía e o concerto de Antía Muíños ás 20:00 no Auditorio do Concello.

A programación tamén inclúe humor con Jazmín Abuín, Arantxa Treus e e Coria Castillo o mércores 6 e poesía cun recital aberto no que participará Su Garrido Pombo ao día seguinte. Proxectaranse os filmes ‘Onde estamos nós’ de Lara Alonso o martes 12 e ‘Una cuestión de género’ de Mimi Leder o martes 26. Dentro do programa municipal de artes escénicas Vigocultura inclúense os espectáculos de corte feminista: ‘Helen Keller, a muller marabilla’ de Chévere, ‘Igualdade, onde estás?’ da maga Fani, ‘Que din as rumorosas’ de Maquinaria Teatro e o espectáculo de danza ‘El cuento de persépolis’ de La Coja Dansa. Unha actividade que repite é a visita guiada ao roteiro feminino ‘Son de mulleres’ guiado por María Casar o sábado 16. A música do trío galego Lontreira pecha as actividades cun concerto que se desenvolverá o mércores 27 ás 21:00 h na Porta do Sol.