Vigo no tempo: a cidade poliédrica
A Sede de Afundación en Vigo alberga desde hai semanas unha exposición da series Cidades no tempo, neste caso dedicada á urbe viguesa. Recorremos as súas paredes á vez que viaxamos pola historia de Vigo nesta mostra organizada pola Cidade da Cultura de Galicia e supervisada por Manuel Bragado.
Definir Vigo nunca é unha tarefa doada. Para algunhas persoas, tratarase da urbe industrial que medrou caoticamente nos séculos XIX e XX; outra xente lembrará o falido plan de cidade burguesa concibida por Antonio Palacios e haberá quen pense nos vitrasas, na división parroquial, no RC Celta, nas ondas do mar ás que lle cantou certo poeta ou nas célebres luces do Nadal. Todas estas caras de Vigo existen, contradicíndose e complementándose, creando unha urbe complexa que vai desde o alto da Madroa ata a Ría, do ancestral ao ultramoderno; ten un pé no pasado, pero sempre mira cara ao futuro.
O continuo cruce de fronteiras que aparece no propio celme da cidade asúmese como punto de partida en «Vigo no tempo», unha exposición multidisciplinar, organizada pola Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura, en colaboración con Afundación. Pode visitarse na sede desta última entidade (Policarpo Sanz, 24-26). Manuel Gago Mariño, doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e comisario da exposición, destaca a capacidade que ten este municipio para reinventarse e redescubrirse. Desta forma, a mostra cóntanos a historia e identidade de Vigo a través de vídeos, pezas de arte, música ou textos que percorren diferentes momentos na construción da cultura viguesa.
Cómpre dedicarlle tempo ás ruínas romanas que nos acollen no inicio e que nos contan un pasado esquecido ata 1950, momento en que empezou a rescatarse esta capa da cidade. Xunto a elas, destaca un documento do século XI que menciona a urbe por primeira vez e que permite saber que, xa daquela, se trataba dun núcleo importante. Tamén chama a atención o apartado dedicado á movida dos oitenta, un termo propagado pola xornalista María Xosé Porteiro e que hoxe en día está tan mitificado como cuestionado. Para Gago, Vigo é unha urbe moi representativa de Galicia, que se reiventa como cidade continuamente.
Precisamente pensar e reivindicar a identidade galega urbana é o principal obxectivo de «Vigo no tempo», a quinta mostra do proxecto Cidades no tempo, promovido pola Xunta de Galicia, que xa percorreu Ferrol, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. Contando con sete exposicións en total, este proxecto pretende mostrar que, aínda que o imaxinario colectivo continúe relacionando Galicia coa paisaxe rural, a nosa cultura actual non se entendería sen ter en conta as principais contribucións feitas desde os núcleos urbanos. Por exemplo, é en Vigo onde vai nacer e renacer a literatura galega: Martín Codax, a impresión de Cantares Gallegos, a creación da Editorial Galaxia ou Ledicia Costas.
Aquí tamén se producen revoltas obreiras, como a de setembro de 1972, que reforzan a constitución do proletariado galego. Ademais, a cidade cumprirá un papel primordial como vínculo de unión entre os dous lados do Atlántico ao converterse en principal porto de partida da emigración galega durante os séculos XIX e XX. Como ben indica Manuel Bragado, asesor da exposición e cronista da cidade na columna «Campo de Granada» nas páxinas do Faro de Vigo, durante moito tempo callou na sociedade galega a idea de Manuel Murguía de que esta era unha urbe carente de identidade. Talvez isto aínda pese hoxe en día, nun momento no que Vigo busca unha marca de seu para elaborar unha expansión turística. «Vigo no tempo» pódenos dar algunhas pinceladas para entender as fortalezas que converteron esta urbe no que é actualmente, para valorar a encrucillada de formas de ser e maneiras estar no mundo que teñen cabida na cidade da oliva.
Antía Monteagudo Alonso
Filóloga
Pablo Vázquez
Fotógrafo