CAMELIAS MASCOTAS

Iago Aspas, padriño do Banco de Alimentos para a Gran Recollida

O capitán e lenda do Real Club Celta, Iago Aspas, é o persoeiro escollido polo Banco de Alimentos como padriño para a Gran Recollida que vai ter lugar os días 24 e 25 de novembro.

Iago Aspas (no centro) e a presidenta do Celta Marian Mouriño na nave do Banco de Alimentos | Cedida

Malia que a tempada do Real Club Celta está a ser das peores que se recordan, o seu capitán Iago Aspas non perde a oportunidade de botar unha man en cuestións sociais de verdadeira importancia. Xa durante a pandemia mostrou o seu apoio na campaña #yoayudoalbancobueno e doou equipos de protección para os 44 sanitarios de urxencias de Cangas e Moaña.

O moañés é, desde esta semana, o novo padriño da Fundación Provincial Banco de Alimentos para a Gran Recollida 2023 que se celebrará os próximos 24 e 25 de novembro en supermercados da provincia de Pontevedra e, de maneira simultanea, tamén en España e Europa.

REVISTA NOVEMBRO

Durante un acto celebrado o mércores na nave de Lavadores, Aspas recibiu o peto de voluntario que o acredita como novo embaixador e fíxoo, ademais, en nome do Real Club Celta de Vigo, institución elixida este ano por parte do Banco de Alimentos e que se atopa celebrando o seu centenario. Precisamente, o equipo vigués segue tendo en marcha ‘100 anos – 100 toneladas’, campaña a favor da ONG.

Segundo Iván Martínez, presidente do Banco de Alimentos, “Aspas cumpre cos requisitos que sempre buscamos para ser abandeirado da nosa Gran Recollida: é unha persoa moi empática e comprometida coas causas solidarias, moañés de prol e nada alleo á realidade social que nos rodea”. Pola súa banda, o futbolista celeste afirmou sentirse orgulloso “tanto a nivel individual como polo clube no ano do seu centenario”. Tamén animou a todo o mundo a poñer “o seu grao de area” malia a difícil situación para alcanzar, ou mesmo superar, os 350.000 quilos de alimentos que o Banco se marca como obxectivo.

Alcanzando esta cifra, que foi a lograda o pasado ano, o Banco de Alimentos encherían as naves de Lavadores e Pontevedra, abastecendo a unhas 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade ata a primavera de 2024. Uns 1800 voluntarios estarán repartidos por 130 supermercados da provincia os días 24 e 25 para lograr esta meta.

Iago Aspas despois de marcar un gol en San Mamés | RC Celta