CAMELIAS MASCOTAS

O único órgano de Vigo, protagonista no III Festival 8Pés

Un ano máis volve o festival 8Pés, organizado pola Orquestra Clásica de Vigo, os días 23, 24 e 25 de novembro na Concatedral de Santa María de Vigo. O evento de órgano naceu no 2021 co obxectivo de contribuir á posta en valor deste instrumento. Reserva gratis a túa entrada.

Órgano da Concatedral | P. Vázquez

A Orquestra Clásica de Vigo confirma a celebración da que será a III Edición do Festival 8Pés; o festival de órgano nado no 2021 co obxectivo de contribuir á posta en valor deste instrumento que, malia a antigüidade das súas orixes, cada ano provoca novos achegamentos de seguedores e seguedoras e esperta o interese do gran público. O evento toma o seu nome da medida de oito pés do tubo máis grave que se adoita empregar de entre os que conforman un órgano.

A cita co festival será os días 23, 24 e 25 de novembro na Concatedral de Santa María de Vigo, coincidindo coa semana de celebración de Santa Icía -patroa da música-. O programa de 8Pés terá como protagonista indiscutible o único órgano en activo nun templo da cidade: o órgano Alberdi, de 1909, restaurado en 2017 por Federico Acitores. Antes xa fora restaurado na década dos sesenta, con resultados moi mellorables, e foi paulatinamente caendo no esquecemento ata chegar a un estado case ruinoso.

Concatedral de Santa María | P. Vázquez

Asimesmo, e como vén acontecendo desde hai dous anos, o foco será posto nos profesionais que nos farán gozar do seu virtuosismo: Abriremos esta edición con Carlos J. Ferández Bollo, natural de Mugardos e premio en Burgos do Concurso Nacional de Órgano Francisco Salinas 2023; un grande talento que está a saír da nosa terra e que realiza na actualidade os seus estudos de mestrado en Países Baixos. Na segunda xornada, teremos a honra de escoitar a Roberto Fresco, organista da Catedral de Santa María a Real da Almudena de Madrid, un artista e mestre fundamental para entender a actualidade do órgano en España.

REVISTA NOVEMBRO

E, para rematar, nesta edición pechamos o festival con Enrique Marín-Laguna, organista titular da Catedral de Santa Magdalena de Getafe e que realiza na actualidade unha importante actividade concertística en Europa. Facendo gala do mesmo espírito dos comezos, A Clásica desexa, nesta terceira edición, achegar unha vez máis as persoas asistentes a un instrumento tan rico e diverso que non deixou indiferentes ás máis de mil persoas que se deron cita ao seu redor na edición de 2022.

Concatedral de Santa María | P. Vázquez

Festival autofinanciado

Destacar que, a diferenza das anteriores edicións, 8Pés é, na súa totalidade, autofinanciado. Polo tanto, e aínda que a entrada é de balde pero con reserva previa, a plataforma ofrece diferentes opcións de donativo durante o proceso de reserva, que irá destinado na súa totalidade á organización do festival. Sen estas doazóns é posible que o festival deixe de celebrarse en vindeiras edicións, pois a falta de apoio institucional complica moito a súa organización.