CAMELIAS MASCOTAS
Ensalle

A sala viguesa Teatro Ensalle entre os Premios da Crítica Galega

O pasado sábado celebrouse na sede Afundación de Vigo a XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia que reacaeron en Berta Dávila, Carlos Callón, Agrupación Astronómica Ío, As Tanxugueiras, Teresa Táboas, Teatro Ensalle, Pepe Coira e Estrelas no Camiño.

Ensalle


Baixo o lema «Galicia é un país propio, non é unha xeografía habitada» de Francisco Fernández del Riego, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país e recordouse a Bieito Ledo o editor, libreiro e escritor que tivo a idea de crear uns Premios da Crítica Galega, que tiveron a súa estrea o Día das Letras Galegas de 1978 e que neste 2023 están a facer os seus primeiros 45 anos.

‘Os seres queridos’ de Berta Dávila recibiu o Premio de Creación Literaria; una obra que segundo o xurado “se adentra nun modelo narrativo contemporáneo e destaca pola sutileza poética”. Carlos Callón foi o galardonado na categoría de Investigación por ‘O libro negro da lingua galega’, no que consegue unir e compilar unha cantidade inxente de documentación. Ademais desde o xurado destacan “o impacto da investigación nunha actualidade que volve precisar de atención á lingua como espazo de represión nun contexto de diglosia que debe ser lembrado e proxectado no futuro.”. O premio de Iniciativas Culturais e Científicas foi para a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, polo traballo de galeguización da onomástica astronómica e o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro. Tamén por visibilizar as científicas galegas, así como a súa defensa da noite fronte a contaminación luminosa. No eido musical, As Tanxugueiras foron as premiadas. O xurado salientou “o compromiso coa identidade, a cultura e a lingua galegas, a súa defensa do feminismo, a súa influencia inusual na xente máis nova e a súa proxección tanto musical como mediática, tanto fóra como dentro das nosas fronteiras. A arquitecta Teresa Táboas recibiu o premio de Artes Plásticas pola súa arquitectura humanista, na que conflúen a estética e a arte coa funcionalidade e o benestar. O Teatro Ensallo fai vinte anos e non podía ter mellor regalo. O xurado quixo otorgar a sala viguesa o premio de Artes Escénicas “en recoñecemento aos seus vinte anos como espazo escénico independente na cidade de Vigo e pola dimensión colectiva do proxecto. Trátase dun espazo de acollida para propostas non convencionais, constituíndo o único lugar que programa con regularidade danza contemporánea e que recolle o testemuño das históricas salas galegas Teatro Galán e Sala Nasa. No ámbito audiovisual, o premiado é Pepe Coira, de quen o xurado salientou a súa prolífica actividade, incansable e comprometida coa creación audiovisual en Galicia. Por último o galardón na categoría de Cultura Gastronómica vai para Estrelas no Camiño. O xurado salientou que este é un dos máis relevantes eventos gastronómicos de España, o que lle engade unha característica solidaria que lle outorga unha singularidade moi particular. Celébrase en Gonte, aldea de pouco máis de cen habitantes, onde se achegan os máis relevantes profesionais da gastronomía, enoloxía e da crítica para degustar produtos esencialmente da terra.