Keltoi! e Dakidarría participarán na festa de aniversario do Celta
A dous días de facer 100 anos o Real Club Celta anuncia o programa de celebracións do seu centenario. Os concertos de Dakidarría e Keltoi! na previa do encontro contra o Real Madrid e o Partido de lendas con exfutbolistas do equipo son as actividades máis destacadas.
O club de fútbol de Vigo celebra este mércores 23 de agosto cen anos de hostoria. Como parte das celebracións o Real Club Celta anunciara a principios de ano a creación dun novo himno, actividades para o celtismo e un festival musical co que festexar por todo o alto un século de vida. Sobre o primeiro, estrearon en xullo Oliveira dos cen anos, un tema producido por C. Tangana e cantado por Keltoi!, a Coral Casablanca e o grupo de pandereteiras Lagharteiras de Mos que viu acompañado dun fermoso videoclip sobre a ría e a ponte de Rande, con máis de dous millóns de reproducións en Youtube, e do lanzamento do novo equipamento.
En canto ao calendario de actividades e concertos as esperanzas dos vigueses foron mermando pouco a pouco dada a cercanía da data e o silencio do club celeste pese a que o 23 de febreiro penduraron na rúa Colón unha lona anunciando un cento de actividades para a afección. Esta tarde, 48h antes do gran día, publicaban timidamente nas súas redes sociais un modesto programa de celebracións no que encontramos varios actos, animación de rúa, a participación de Dakidarría e Keltoi! e a celebración dun Partido de lendas con exxogadores do equipo.
Ademais dos actos programados, o Celta fai un chamamento a todos os celtistas, para que vistan a cidade de celeste, pendurando nas xanelas, balcóns e terrazas a bandeira do equipo.
Estas son as actividades anunciadas polo Real Club Celta para celebrar o seu centenario:
Mércores 23 de agosto
11:30h – Cidade Deportiva Afouteza – Acto conmemorativo na Cidade Deportiva Afouteza.
Os abonados que desexen asistir e formar parte deste primeiro evento do Centenario, poden participar neste sorteo que organiza o club.
Pola mañá – Biblioteca Juan Compañel – Conmemoración da firma entre o Vigo Sporting e o Fortuna, cuxa fusión foi a orixe do club celeste. No lugar exacto da fundación do Real Club Celta, a Biblioteca Pública Juan Compañel, que en 1923 era a sede da Fundación Gremial de Patróns, descubrirase unha placa conmemorativa para deixar constancia da orixe da entidade celeste.
Venres 25 de agosto
Primeira hora da tarde – Exterior de Balaídos – Actividades familiares
Animación infantil, pinta-caras, inchables, batukada etc.
Antes do partido – Exterior de Balaídos – Concertos de Dakidarría e Keltoi!
Durante a previa do partido, dous grupos musicais, vellos coñecidos de todo o celtismo e do panorama musical galego, animarán nas horas previas á entrada no estadio para empezar o encontro co Real Madrid cos ánimos ben arriba.
Antes do partido – Estadio de Balaídos – Himno con espectáculo de luces
Despregamento dun tifo para a ocasión e estrea dun espectáculo de luces que irá ao son da composición de C. Tangana.
Mércores 30 de agosto
21h – Estadio de Balaídos – Partido de Lendas
Encontro entre lendas que contribuíron a engrandecer a historia do club e que unha vez máis, e só durante unha única noite, volverán saltar ao terreo de xogo. Polo momento está confirmada a presenza de Santi Cañizares, Michel Salgado, Fabio Cannavaro, Makelele e Fernando Morientes. A entrada é gratuíta para abonados.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024