Red Blood Shoes, PVA e Juno súmanse ao cartel do Festival Underfest
O Festival Underfest anuncia sete novas actuacións que se suman á de Paul Wellner: Red Blood Shoes, PVA, Juno, La ëlite, Quedeim, Ciel e La Torre pasarán por Vigo entre o 15 e o 16 de setembro.
A sexta edición do Festival Underfest adiántase no calendario ao 15 e 16 de setembro e os abonos xa están esgotados. Como é habitual o evento reunirá ao longo destes dous días unha ecléctica combinación de propostas musicais nacionais e internacionais en diferentes salas e espazos da cidade.
Hai uns meses o festival anunciaba o primeiro nome do cartel para este 2023: o recoñecido músico inglés Paul Wellner, famoso por fundar The Jam na década dos setenta e ser considerado o padriño dos mods. O artista actuará no teatro Salesianos o sábado 16 de setembro. Vigo é unha das catro paradas que realizará na súa xira española.
Sete agrupacións incorpóranse agora á programación do festival. O dúo británico Red Blood Shoes estará presentando o seu útimo traballo ‘Ghosts On Tap’, no que incorporan toques electrónicos e que este ano están presentando en salas despois de pasar por escenarios de gran formato telenoando a The Pixies. Tamén poderemos gozar do enérxico directo de PVA, un grupo de culto dentro da escena de clubs londinense; ‘Blush’ é o primeiro álbum da banda no que se moven entre a electrónica máis industrial, o synth pop e chiscadelas de spoken word. Tamén tocará no Underfest, Juno, a proposta de Zahara e Martí Peramau, que efrentados no escenario, rodeados de sintetizadores, caixas de ritmos, loopers, adentraranse nesta distopía visual e sónica.
Desde Tárrega chega La Élite, que ofrecen un directo moi eléctrico, irreverente e descarado. Quedeim é o alter ego de Raul Martí, que vai estar presentando o seu álbum debut ‘Evitaremos todo mal’, que abre unha canle entre a canción máis desgarradora, a sensibilidade do nuovo pop e a indietrónica. Outra das propostas que ofrece o festival en Vigo é Ciel. Este trío de indie-rock, con compoñentes orixinarios de Países Baixos, España e Reino Unido, trae a nosa cidade a súa adictiva proposta na que mesturan guitarras con poderosos retorusos e a influencia do grunge e o shoegaze dos 90. A última confirmación, ata o momento, é La Torre. Será a estrea da artista ecuatoriana en terras galegas, que conxuga a electrónica experimental, a música lírica e a vangarda pop nas súas composicións.
Na súa curta traxectoria, o Underfest programou por primeira vez en Galicia artistas internacionais de referencia como Slowdive, Benjamin Clementine, Peaches, Villagers, Xeado Negro, xunto a nomes nacionais de primeiro nivel e o enorme talento local. Os abonos xerais para o festival unha vez máis se esgotaron ás poucas horas de poñerse á venda, sen coñecerse ningún artista do cartel, mostra da confianza do público nas propostas que ofrece o evento. Desde a organziación anunciaron que sacarán unha nova remesa de abonos xerais que dan acceso a toda a programación do festival e, nos casos que o aforo o permita, entradas individuais para algúns dos concertos.