CAMELIAS MASCOTAS

A quinta edición de The Wild Cinema xirará arredor da auga e incluirá un bloque infantil

O festival de música e cultura na natureza, The Wild Fest, que se celebra entre o 23 e o 25 de xuño en San Miguel de Oia, Vigo, proxecta filmes internacionais de temática medioambiental e de aventura. The Wild Cinema proxectará 21 curtametraxes para nenos e adultos.

O festival de cinema de natureza e aventura The Wild Cinema chega á súa quinta edición ampliando o número de sesións e incorporando novidades, como a entrega de tres premios, a presenza de máis realizadores durante a proxección do seu traballo e a posibilidade de ver os filmes online. O certame, único en Galicia de cinema medioambiental proxectará seis bloques de curtametraxes ao aire libre entre o 23 e o 25 de xuño, no Parque Forestal de San Miguel de Oia, en Vigo.

A sección oficial estára formada por 21 curtametraxes de países como Irán, Corea do Sur, Francia, Suíza, Finlandia, Rusia, Perú e Arxentina, así como tres traballos de produción galega que retratan a beleza e diversidade do planeta e os retos máis importantes aos que debemos facer frente para preservalo, querendo ser unha chamada de atención sobre as consecuencias da acción humana no medio ambiente.

Nesta quinta edición o tema con maior presenza é a auga, abordada desde difernetes perspectivas. Exemplos disto son a distopía submarina francesa PLSTC (Francia); a loita para que as augas do río Huenehue volvan moverse, no documental chileno Wiñotuay chi lewfü e a historia da desaparición do Mar de Aral, premonitorio do cambio climático, que a galega Nerea Barros plasma en Memoria.

Tamén haberá espazo para deleitarnos coa beleza e discurso das imaxes, outro camiño para a concienciación. É o caso da produción ruso-inglesa Haulout, que segue a un explorador polo Ártiko, á espera dun abraiante fenómeno natural; ou a francesa Bruit Rose, unha interpretación simbólica e poética da vida que medra no ventre dunha futura nai.

Como novidade desta quinta edición, o certame proxectará un bloque de curtametraxes para público infantil, co fin de fomentar o desexo por coidar da súa contorna e introducilos nalgunhas das problemáticas medioambientais actuais. Esta sesión será o domingo a partir das 18h, xornada na que terán lugar tamén outras actividades dirixidas á cativada, como o espectáculo de circo Simplemente Enricco, o contacontos a cargo de O Bardo Abelardo.

Tamén o domingo, proxectarase unha sesión temática sobre cans, dirxida aos amantes destes animais. Destacan a finlandesa Kaamosken Valossa, que segue a un can que tira dunha zorra na noite polar; e a francesa À quoi tu rêves León?, sobre os últimos desexos dun can caseiro.

Horarios das proxeccións:

Venres 23 ás 17:30h -Bloque 1 – Entrada de balde

Venres 23 ás 18:30h -Bloque 2 – Entrada de balde

REVISTA NOVEMBRO

Sábado 24 ás 11:30h -Bloque 3 – Necesario contar coa entrada do festival.

Domingo 25 ás 11:45 – Bloque especial cans – Entrada de balde

Domingo 25 ás 18h – Bloque infantil – Entrada de balde


The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.