CAMELIAS MASCOTAS

Sementando tradición na Festa da Sementeira

Achegar o campo aos máis pequenos, ese é un dos obxectivos da Festa da Sementeira que se celebra esta fin de semana en Matamá. Durante os festexos, pequenos e maiores axudarán a labrar e sementar un campo de millo, tal e como se facía outrora. Tampouco faltará a música, a comida e as tradicionais Olimpíadas do Campo.

A Festa da Sementeira celébrase ao carón dun muíño e non é casualidade. Aí foi onde se orixinou este particular festexo que vai xa, pola sétima edición. Algúns membros do colectivo Malaherba, organizadores da festa, encargáronse da reconstrución dun muíño que estaba en estado ruinoso. Ao rematar decatáronse que para poder empregalo precisaban millo que moer. Foi entón cando se decidiron a recuperar todo o ciclo. Un ciclo que comeza na primavera coa labranza do campo e a sementeira. Ambos actos executaranse este domingo, como acontecementos centrais desta festa.

REVISTA NOVEMBRO

Os festexos comezarán o sábado á tarde coas Olimpíadas do Campo. Haberá categoría infantil e adulta para que pequenos e maiores pasen unha entretida tarde de deporte con probas como o lanzamento de sacho, debullar millo, lanzamento de boina, carreira de trespés… Os máis audaces recibirán uns premios simbólicos. Xa á tardiña actuará o coñecido músico Paco Nogueiras que ofrecerá o seu espectáculo ‘Brinca vai!’, e a continuación actuará o grupo humorístico Triateiros. Pola noite a música correrá a cargo dos grupos Os Vacalouras e IGMIG.

O Domingo 29, a festa comezará ás 10:30 da mañá coa saída dende o torreiro da festa de Matamá do carro tirado por unha parella de bois, acompañado do Grupo de Gaitas Os Catro Quintos para ir ata o lugar de celebración da festa, onde se procederá a labrar unha leira usando a forza dos bois. Unha vez rematada a labor de labranza actuará o multitudinario coro tradicional do Orfeón Mariñeiro do Berbés. Ás dúas da tarde haberá xantar popular e pola tarde volve a festa coa actuación do grupo Folc de Coiro de Bembrive. Ás seis da tarde terá lugar o acto central: todos os rapaces asistentes poderán sementar o millo na leira labrada pola mañá.

Durante os dous días de festa haberá postos de artesanía, obradoiros de oficios artesáns, unha mostra etnográfica, faranse demostracións da moenda no muíño da Regueira e haberá unha pequena granxa con animais do rural como ovellas, galiñas, burros, porcos… Este ano como novidade, haberá demostración de perruquería tradicional e todo aquel que queira poderá cortar o cabelo cos trebellos que se empregaban daquela.

(GMT+01:00) Matamá

(GMT+01:00) Matamá