O Gozo Festival trae sete bandas internacionais a Galicia
O Gozo Festival vén de anunciar a The Hives como a última confirmación, polo momento, do ciclo de concertos. Os suecos actuarán na Sala Capitol de Santiago o 7 de outubro, pero antes poderemos gozar dos espectáculos doutros artistas internacionais como Robbie Williams, Martin Garrix, Ben Howard, Robert Plant ou Nils Frahm.
O Gozo Festival é un proxecto que conta co apoio de Xunta de Galicia e Xacobeo, creado coa intención de programar en Galicia grandes artistas internacionais, con enorme repercusión, xunto a nomes de referencia en diferentes estilos musicais, que chegarán aos principais recintos e escenarios galegos para actuacións únicas e moi especiais. A idea da promotora que o leva a cabo, a viguesa Sweet Nocturna, é que nos próximos anos “non se dilúa o efecto do Xacobeo e que as xiras internacionais sigan a ter parada en Galicia“.
Polo momento xa puidemos desfrutar de dous dos concertos deste ciclo: Pixies na Coruña e ZAZ en Vigo. Malia que a xornada principal terá lugar o 8 de xullo no Monte do Gozo en Santiago, cos concertos de Robbie Williams, Martin Garrix, Iván Ferreiro e Hombres G, a filosofía de O Gozo Festival é deslocalizar a programación. Deste xeito, o resto de cidades galegas tamén acollen unha coidada programación.
Ben Howard debuta en Galicia
Eloxiado pola súa habilidade como guitarrista e unha voz emotiva e diferente, se dió a coñecer en 2011 co seu magnífico álbum debut ‘Every Kingdom’, recibido positivamente por crítica e público, co que alcanzou o Triplo Platino en vendas, conseguiu dous galardóns nos Premios Brit e un nomeamento ao prestixioso Mercury Prize. Deste disco saíron enormes cancións como ‘Keep Your Head Up’, ‘Old Pine’ ou ‘Only Love’, que foron conquistando ás súas cada vez máis numerosos fans e levárono a percorrer os principais escenarios do planeta.
20 de maio no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela – Entradas
Robert Plant, o retorno do rei
O cantante de Led Zeppelin e acérrimo admirador da obra de Tolkien volve a Galicia tras facelo en 1992 no Concerto dos Mil Anos na Coruña. Moitas cousas cambiaron desde aquela: a carreira en solitario do británico non fixo máis que medrar con discos sobresaíntes como Raising Sand, xunto con Alison Krauss. Plant é un claro exemplo de músico veterano en contínua evolución que non vive de rendas, aínda e todo cando o seu currículum indica que foi a voz da banda de hard rock máis importante da historia.
9 de setembro no Mosteiro de San Salvador en Celanova (Ourense), xunto con Suzi Dian – Entradas esgotadas
The Hives, electricidade sueca
Poucos grupos poden presumir dun directo tan enérxico como o de The Hives, que volven a Galicia con novo disco baixo o brazo: The Death Of Randy Fitzsimmons. Tres acordes chegan para saber que o concerto vai ser unha auténtica bomba de reloxería cun canonazo tras outro, no que seguro soarán éxitos imperecedoiros como ‘Come On!’, ‘Tick Tick Boom’, ‘Hate to Say I Told you So’, ‘Main Offender’ ou ‘Walk Idiot Walk’. Rock and roll inmaduro dos fieis herdeiros da tradición garageira de bandas como The Sonics.
7 de outubro na Sala Capitol de Santiago de Compostela – Entradas
PROGRAMACIÓN COMPLETA
11 marzo – Pixies (Coliseum de A Coruña)
19 marzo – Zaz (Auditorio Mar de Vigo)
20 maio – Ben Howard (Palacio de Congresos, Santiago de Compostela)
8 xullo – Robbie Williams + Martin Garrix + Hombres G + Iván Ferreiro (Monte do Gozo, Santiago de Compostela)
9 setembro – Robert Plant (Mosteiro de San Salvador, Celanova)
7 outubro – The Hives (Sala Capitol, Santiago de Compostela)
23 novembro – Nils Frahm (Auditorio Abanca, Santiago de Compostela)