CAMELIAS MASCOTAS

Descubre o calendario de actividades do festival Creativa

Creativa é un festival de creatividade e cultura impulsado pola Revista Dot e Galería Maraca. Celébrase do 18 de abril ao 5 de maio en diferentes espazos da cidade e conta con preto de 40 artistas, creativos, músicos, deseñadores e creadores de todo tipo. Para máis info preme aquí.

Vigo ten un novo festival, e neste non actúa Xoel López. Creativa (@festivalcreativa) é un proxecto que nace desde Galería Maraca e Revista Dot que pretende aunar creatividade e cultura, no seu sentido máis amplo, ao longo de tres semanas. Ilustración, deseño, literatura, cine, música, publicacións, comunicación… todo isto e máis ten cabida neste novo evento multidisciplinar que nace con vontade de cita anual.

Raúl Bermúdez, alma máter da Revista Dot, da Galería Maraca e da empresa de comunicación Chachachá, é tamén o responsable deste ambicioso proxecto: “Se ben é certo que hai moitos festivais en Galicia, case todos son de música e non van máis aló. Grazas á programación que facemos con Maraca decatámonos de que a cidade está un pouco máis receptiva a este tipo de propostas“, explica o creativo.

Jesús Núñez e Raúl Bermúdez, socios fundadores da Galería Maraca | P. Cermeño

Unha das cousas que sorprende a simple vista do festival é a súa duración: do 18 de abril ao 5 de maio; un total de 18 días de actividades. Esta amplitude ten a súa explicación: “O 21 de abril é o Día Mundial da Creatividade e pensamos en organizar algo en Maraca durante esa fin de semana. Despois vimos que o 27 era o Día Mundial do Deseño e decidimos tirar para adiante”, conta Raúl. Para estas dúas datas tan sinaladas volven as autodenominadas Charlas Maraca, isto é, pequenas exposicións de dez proxectos creativos en menos de sete minutos e coa axuda de 20 diapositivas.

REVISTA NOVEMBRO

Diferentes espazos

Malia que Maraca alberga a maioría das actividades, a programación expándese a outros locais da zona que tamén apostan pola cultura alternativa: La Contenedora, RioLagares, Ateneo Atlántico (antes CUBO) e o MARCO tamén abren as súas portas a Creativa. Neste último só se realiza a proxección do documental Bienvenido Mr. Banksy, de Carlos A. Quirós. O museo é o único espazo de carácter público no que se celebra o festival: “Intentamos conseguir algo máis de apoio do Concello pero non acadamos nada. Dixeron que igual para a edición que vén”, lamenta.

Galería Maraca | P. Cermeño

Raúl non nega que un dos obxectivos, tanto de Maraca como de Creativa, é crear unha pequena escena de espazos alternativos: “A cultura sempre se centra nos mesmos sitios, especialmente nos máis masivos, por iso é importante dar a coñecer espazos que crean unha rede máis activa cunha mirada máis actual”, precisa. Nestes locais temos a posibilidade de aprender e desfrutar, de balde agás os obradoiros, de preto de 40 artistas estatais: o gañador do Goya Alberto Vázquez, os creadores da revista Gràffica Ana Gea e Victor Palau, o reputado ilustrador Aitor Saraiba, o fundador da discográfica Subterfuge Records Carlos Galán, o deseñador Álvaro P-FF… Raúl Bermúdez destaca a Basket of Nean, quizais menos coñecido, pero autor de pequenos e orixinais mosaicos de pixel art que pega nas paredes de moitas cidades do mundo. A semana pasada deixou a súa pegada por Vigo.

Óscar Roal (RoÂL), no centro coa guitarra, actuando en Maraca coa súa banda Helen & Shanna | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.