CAMELIAS MASCOTAS

Os mellores escaparates de Nadal de Vigo

O pequeno comercio engalánase para incentivar as compras nas tendas de barrio durante as festas. Este é un pequeno percorrido por algúns dos escaparates máis bonitos de Vigo este Nadal.

Woodtown – Av. das Camelias, 20

O escaparate que máis miradas atrae da cidade é o de Woodtown. Joana, a dona desta tenda de moda urbana e skate esmérase cada ano en crear unha fachada diferente e personalizada. Este ano os protagonistas son  Brancaneves e os sete ananos e detrás do vinilado do vidro podemos atopar o fogar destes sete personaxes de conto. Todo un mundo en miniatura cheo de detalles, luces, personaxes e paisaxes nevadas.

Talleres Veloso – Tr.ª Alcalde Portanet, 10

Este taller na zona de Castrelos leva máis de 20 anos montando un belén no seu escaparate. Algo pouco común nun negocio deste tipo e que congrega aos nenos da veciñanza para a súa montaxe. Cada ano é diferente e conta con detalles que o fan especial. Nesta ocasión, conta cun río polo que corre a auga e chemineas que botan fume.

Chuliños peluquería canina – Av. de Castrelos, 166

No mesmo barrio sorprende a fachada da perruquería canina Chuliños na que, durante as festas, substitúense os clásicos artigos para mascotas por unha escena protagonizada por unha cuadrilla de elfos facendo trasnadas na neve.

Sémola –  Porta del Sol, 10

Nesta panadaría e pasatelaría do centro de vigo téñennos afeitos aos escaparates temáticos nas festas sinaladas, como Entroido, Samaín e, por suposto, Nadal. A sinxeleza e o bo gusto co que o equipo do comercio decora cada ano o seu escaparate van á par coas ganas de fincarlle o dente aos biscoitos, galletas, madalenas e demais larpeiradas que se exhiben nel.

Vaidhé – Rúa Carral, 7

Na tenda especializada en cousas bonitas e feitas con cariño non podía faltar unha carta de presentación pensada baixo as mesmas premisas. Durante estas semanas as ilustracións, libros, pezas de xoiería e cerámica de Vaidhé están decoradas con luces e elementos que acompañan as nosas compras.

Pipa & Mima – Rúa Velázquez Moreno, 25

Outro dos clásicos nos que paga a pena deterse (e pegar o nariz ao cristal durante moito tempo) é a tenda de decoración e regalos Pipa & Mima na que centos de elementos crean un conxunto no que dominan o vermello, o verde, as luces e o ambiente natalicio. Nacementos, soldados de chumbo e Papás Noel de todos os tamaños, calendarios de advento e un pobo en miniatura coas casiñas nevadas, mercado, nora e tendas de xoguetes.

Confecciones Carlos – Travesía de Vigo 135

Carlos Estévez e a súa familia instalan cada ano un belén no escaparate da súa antiga mercería. Levan máis de 40 anos conservando esta tradición e, malia que o comercio está xa pechado, non mantéñena cada decembro, abrindo a persiana a diario ex profeso para lucir a estampa natalicia. A instalación é a de un belén clásico, co seu pesebre, campesiños, pastores de ovellas, herreiros, leiteiras e, por suposto, os tres reis magos.

Bouzas, a vila do Nadal

A Asociación Cultural da Vila de Bouzas organiza desde 2019 un concurso de decoración dirixido tanto a comerciantes como a particulares que queiran engalanar os seus balcóns, xardíns ou fachadas dotando o barrio dun ambiente acolledor e propio destas datas. Pasear polas súa rúas este días é mergullarse na vila do Nadal.

Hogar Social San Rafael

REVISTA NOVEMBRO

O centro de educación especial coloca cada ano un gran belén dentro das súas instalacións, que permanecerá aberto ao público ata o próximo 6 de xaneiro, en horario de 11 a 13.30h e de 17 a 20h.

Urbanización Aires (Castrelos)

Os veciños dos chalés adosados de cores da zona de Castrelos toman moi en serio as festas. Non só o Nadal, pois os seus xardíns e fachadas tamén aparecen decorados por Samaín ou Entroido. Cada un decora a entrada da súa casa con luces, árbores, grandes figuras e outros elementos que fan que paga a pena camiñar por este barrio.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.