PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Galaxia publica tres libros polo 20 aniversario do Prestige

O 13 de novembro de 2022 o Prestige naufragou frente a Costa da Morte provocando unha das maiores catástrofes medioambientais que se recordan no noso país. Para conmemorar a efeméride, a editorial Galaxia publica tres libros: Cando choraron as Cíes, Prestige 20 voces x 20 anos e Tal como foi, tal como fomos.

De esquerda a dereita: Santi Domínguez, Francisco Castro e Roi Cuba

Esta mañá a editorial Galaxia presentou na cafetería El Castro, situada no Paseo de Afonso e desde a que temos unha espléndida panorámica da ría de Vigo, tres libros cos que quere recordar que hai 20 anos ese océano, que hoxe mirabamos pola fiestra, sufriu unha verdadeira catástofre. En palabras de Francisco Castro, director da editorial galega “ademais do desastre ecolóxico; a xestión política do Prestige foi o primeiro caso de posverdade claro.” A publicación destes tres libros pon de manifesto segundo Castro “o compromiso que a editorial ten coa sociedade galega desde o seu nacemento en 1950”.

Na presentación tamén participou Roi Cuba, en representación da Asociación Ecoloxista ADEGA, para quen van ir os beneficios recadados coa venda da antoloxía Prestige. 20 voces x 20 anos. Xunto a el estiveron os escritores Inma López Silva, Raquel Castro e Marcos Calveiro, que participaron con candaseu relato neste libro conxunto. Empregando a poesía e a narrativa e mesturando a realidade coa ficción os autores viaxaron a aquel novembro de 2002 no que López Silva vivía en Francia, Raquel Castro estaba a piques de dar a luz e no que Calveiro participou de forma moi activa nas reividicacións do Nunca Máis e como voluntario na limpeza das praias.

Unha posición moi distinta era a que ocupaba Santi Domínguez, que daquela era concelleiro no goberno municipal. “Neste libro quixen trasladar a vivencia daqueles días. Eran días durísimos, nos que non tiñamos case información, se nos mentiu. Despois destes 20 anos quixen recoller as testemuñas daquelas persoas que sufriron todo isto en primeira persoa“, explica o autor xa retirado da política.

Tal como foi, tal como fomos: neste libr,o o xornalista Xosé Manuel Pereiro non fai unha investigación nin un ensaio do acontecido naqueles días. Nestas páxinas escritas co brío a paixón  do correspondente de guerra, relata  o desastre tal como foi, e nos retrata a nós tal como fomos naqueles días en que segundo el sufrimos un trastorno mental  transitorio en que a solidariedade, o compromiso e o altruísmo estendeuse como un andazo por todos os recunchos do noso país.

Prestige, 20 anos 20 vocesvinte escritoras e escritores  galegos, encabezadas pola recente premio nacional de narrativa Marilar Aleixandre, lembran coas súas  propias palabras aqueles días incertos e aciagos. Vinte voces que berran todas a unha como aquel  afastado 20 de novembro de 2002. E con elas, os rostros, os acenos e as mans dos que estiveron en primeira liña, os retratos dos  voluntarios protagonistas obra do fotografo Jose Luis Abalo, daqueles  que loitaron heroicamente contra aquela marea de chapapote  que quixo devorarnos mais non o logrou.

Cando choraron as Cíes, Santi Domínguez, narra a xeito de diario persoal aquel día en que  chorou o mar e milleiros de persoas se converteron en panos de mans para enxugar as súas bágoas e  foron quen de berrar Nunca Máis. Un libro que trata de amor, dese amor que moitos e moitas lle demostraron ao mar cando estaba estragado pola negrura e a escuridade.  Un libro que contén os testemuños de homes e mulleres que, coas súas mans e o seu alento, foron capaces de defender o noso.

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.