O Vigo por Reconquistar
A pasada fin de semana por mor da Reconquista o Casco Vello bulía. A praza da Constitución e da Princesa, Xoaquín Yañez, a praza da Pedra e Almeida, a rúa Chao, Real, Teófilo Llorente e o Berbés lucían ateigados de xente. Grazas a festas como esta, os vigueses imos ‘migallo a migallo’ reconquistando o que sempre nos pertenceu: o corazón da nosa cidade. Non obstante, aínda en celebracións como esta, rúas e prazas de gran encanto e con moitas historias que contar ficaron baleiras, alleas a festa.
A travesa da Esperanza, que une a rúa Chao coa Real e un destes recantos descoñecidos para moitos. Na encrucillada coas rúas Funil e Franco eríxese a coñecida como Casa do Francés. Un edificio que, casualmente, tivo un papel protagonista nos tempos da Reconquista. Como explica Pedro Feijoo en ‘Camiñar o Vigo Vello’: Aquí foi onde durante os dous meses que durou a ocupación da vila polo exército francés (dende o 31 de xaneiro ata o 28 de marzo), estivo o centro de mando do exército napoleónico. Mentres o corpo das tropas se mantiña no Convento de Santa Marta, neste edificio foi onde se instalou o gabinete de residencia do alto mando. De maneira que aquí tiveron o seu despacho os tres gobernadores franceses ao mando da ocupación: o coronel Girardin, o comandante Limoussin, e finalmente, o comandante Jacques Antoine Chalot. No interior desta casa negociáronse as condicións da rendición do exército francés. Un acto que vimos de celebrar con ledicia, pero que moi poucos saben que aconteceu neste edificio.
A instantánea que acompaña este artigo foi captada por Fernando Laconde, na ruta fotográfica que guiou o sábado con motivo da Reconquista. A imaxe, retrata unha Travesa da Esperanza silenciosa e baleira, un remanso de paz a escasos metros do gran polvorín que foi a pasada fin de semana o Vigo Vello. A foto pon de manifesto que aínda queda moita cidade por reconquistar. Está nas nosas mans saír aí fóra e enchela de vida!