Cincuenta anos, 15 días e unha loita
Medio século da folga xeral máis grande da historia de Galicia; entre o 9 e o 26 de setembro de 1972, a clase obreira galega botoulle un pulso á ditadura franquista. Ao longo dunha quincena, os traballadores encheron as rúas de Vigo e, pese a represión policial, recibiron o apoio do pobo. Todo se orixinou na factoría de Citroën Hispania, cunha reivindicación sindical para non traballar os sábados pola tarde; aquela primeira convocatoria de folga non tivo moito seguimento, pois só parou nave e media das seis que compoñían daquela a fábrica. A dirección da empresa decidiu despedir cinco traballadores e expedientar catro sindicalistas e foi iso o que provocou que o resto dos traballadores se sumasen á folga.
Esa foi a mecha que prendeu, pero a folga do 72 é o resultado dun proceso moito máis longo de mobilización e organización que nace unha década antes, tal como explica o historiador Isidro Román Lago no libro Todos con Vigo: mobilización obreira e folga xeral (1962-1972) (Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo, 2016). En 1962 convocouse a primeira folga extensa despois da guerra civil española. Aquelas protestas orixináronse solidariamente cos mineiros de Asturias, pero tamén tiveron unha compoñente propia: o reclamo de melloras salariais no estaleiro de Factorías Vulcano. En anos sucesivos, a evolución do movemento obreiro levou á creación da consigna «ou todos ou ningún», que foi a que acabou primando en 1972.
«400 dos 6.000 traballadores despedidos nunca máis foron readmitidos»
A partir daquel sábado 9 de setembro, na medida en que a folga foi evolucionando, traballadores de cada vez máis empresas fóronse sumando ás protestas que pedían a readmisión dos despedidos en Citroën. As primeiras en parar foron o estaleiro Hijos de J. Barreras, a fábrica de Reyman, e a devandita factoría Vulcano; axiña se sumaron os traballadores doutras importantes empresas, como Álvarez, Artiscar, Freire, Refrey ou Santodomingo. Ata chegar ao sábado 16, con case unha trintena de centros de traballo en paro e milleiros de traballadores en folga; segundo as fontes consultadas, o número varía de 15.000 a 30.000 traballadores. O mércores 20, policías chegados de León e Valladolid reforzaban a presión autoritaria e, ao outro día, 5.000 traballadores recibiron unha carta de despedimento. Manifestarse era cada vez máis complicado; os traballadores dalgunhas empresas comezaron a reincorporarse aos seus postos de traballo o luns 25. Finalmente, o martes 26 dáse por rematada a folga, pero 400 das 6.000 persoas despedidas nunca máis foron readmitidas nos postos de traballo que ocuparan ata entón.
«Aínda que moitos dos protagonistas —por non dicir que a práctica totalidade— falan de que a folga foi un éxito, a verdade é que, se analizamos o resultado da reivindicación, as protestas foron un fracaso rotundo», asegura Isidro Román, facendo referencia a que as mobilizacións que arrancaron para pedir a readmisión de nove traballadores remataron con 400 na rúa. O historiador chama a atención sobre un dato: «O día 18 saíu publicado un artigo nun medio comunista que pide a volta ao traballo. A folga non terminou porque os traballadores se cansasen; efectivamente, había moita represión e descabezouse o movemento, pero nese descabezamento talvez influíron factores políticos. Non se sabe que acontecería se o Partido Comunista de España (PCE) decidise ir coa folga ata o final», conclúe. Pero, por que ía querer o Partido Comunista que a folga parase? «Desde mediados da década dos cincuenta, o PCE cambou quixo ser recoñecido polos outros actores que ían participar na transición española; para iso empregou dúas estratexias: a moderación ideolóxica e usar como advertencia a potencia mobilizadora que tiña», sinala Román que, a pesar de que a folga se saldase en negativo de forma fáctica, considera que foi un fito: «É a primeira vez na historia do movemento obreiro galego que se deu unha folga por solidariedade de clase». O estudoso sinala ademais que aínda que sempre se pensase que a resistencia ao franquismo foi mínima en Galicia, estes feitos poñen de manifesto que «baixo a superficie, había amplos grupos de traballadores que se estaban organizando».
«É a primeira vez na historia do movemento obreiro galego que se deu unha folga por solidariedade de clase»
Para conmemorar o quincuaxésimo aniversario destes acontecementos, os sindicatos Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CCOO) organizan diferentes actividades. Tamén o fai a plataforma cidadá «Vigo. Setembro de 1972». Román Lago, que está a piques de publicar con Editorial Galaxia un segundo libro sobre estes feitos, sinala que o problema nas conmemoracións desta efeméride é a dispersión: «Unha mobilización que se caracterizou pola unidade, caracterízase pola falta dela á hora de ser recordada». Bota en falta un debate saudable entre as diferentes posicións que existen sobre a análise dos feitos e un recoñecemento institucional para os traballadores que participaron nese proceso. «Aínda que foi unha mobilización de clase, tamén se converteu nunha mobilización antifranquista e contribuíu á organización política da sociedade».
Setembro de 1972, cronoloxía dos feitos:
Sábado 9. Convócanse paros parciais en Citroën, pedindo a xornada de 44 horas semanais; pola tarde, a empresa responde despedindo catro traballadores e expedientando cinco sindicalistas.
Luns 11. Os empregados de Citroën paran e comezan unha marcha cara a Barreras e Reyman pedindo solidariedade; os traballadores de Vulcano súmase á manifestación.
Martes 12. Os empregados de Álvarez, Barreras, Freire e Refrey paralizan a actividade; prodúcense as primeiras detencións, Citröen négase a negociar a readmisión e o persoal de Artiscar, Santodomingo e Vulcano súmanse ás mobilizacións.
Mércores 13. 10.000 obreiros maniféstanse na rúa; chegan reforzos da policía armada de León e Valladolid.
Xoves 14. Quince empresas máis súmanse aos paros; a patronal pídelle mediación ao goberno.
Sábado 16. Traballadores de 27 empresas secundan a folga; os detidos ascenden a 66.
Mércores 20. As empresas meten presión para que os empregados volvan.
Xoves 21. 5.000 traballadores reciben cartas de despedimento.
Luns 25. Algúns empregados empezan a reincorporarse reincorpóranse ao traballo.
Martes 26. Dáse por rematada a folga.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024