A tempada de teatro de Afundación traerá seis obras nacionais a Vigo este outono
Afundación presenta a súa Tempada de Teatro para o Teatro situado en García Barbón. Intérpretes como Lola Herrera, Loles León, Diana Navarro, María Adánez ou Els Joglars subiranse ao escenario entre os meses de outubro e decembro. Os abonos póñense á venda o luns 18 de xullo.
A produción Una noche con ella, protagonizada por Loles León, será a encargada de abrir a tempada no Teatro Afundación de Vigo o día 16 de outubro. A seguinte obra en saír a escena será El sueño de la razón, o 20 de outubro. O texto de Buero Vallejo estará interpretado por Ana Fernández, Chema León, Carlos Martínez-Abarca, Montse Peidro, Fernando Sansegundo e Antonio Valero.
A tempada continuará con En tierra extraña, unha viaxe musical pola vida de Federico García Lorca, Concha Piquer e Rafael de León da man de Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera dirixido por Juan Carlos Rubio. Poderase ver o 3 de novembro. Els Joglars subiranse ao escenario o 17 de novembro para interpretar ¡Que salga Aristófanes!, unha dramaturxia contemporánea que, combinando a música, a danza, a literatura e o visual, pon o foco na infantilización do mundo adulto.
¡Ay, Carmela!, de José Sanchís Sinisterra e interpretada por María Adánez e Pepón Nieto poderase ver o 30 de novembro. Unha obra na que a soidade, o medo e a inxustiza van da man da morriña, a complicidade, o amor e a memoria. Finalmente, pechará a tempada a obra Adictos con Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich. Será o 8 de decembro no Teatro Afundación.
Os abonos, que teñen un 20% de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas, poñeranse á venda no despacho de billetes físico os días 18, 19 e 20 de xullo, e na web Ataquilla.com do 18 de xullo ao 15 de setembro. As entradas soltas poderanse adquirir a partir do 16 de setembro.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Al Wahab: cociña sirio-libanesa no centro da cidade - 5 Outubro, 2024
- Oito tendas de moda e creatividade que reinventan o estilo da nosa cidade - 4 Outubro, 2024
- A mariscadora Dula Piñeiro protagoniza o Festival Kerouac adicado ás poetas do mar - 25 Setembro, 2024
- Nove actividades imprescincibles do Galician Freaky Film Festival - 20 Setembro, 2024
- Turmalina: ‘brunch’ á brasileira - 17 Setembro, 2024