CAMELIAS MASCOTAS

Coñece a programación de Galicia Ilusiona, o primeiro festival galego de ilusionismo

Galicia Ilusiona é un proxecto pioneiro e máxico que busca converter a Galicia nun territorio sorprendente durante dous meses e poñela no centro de atención grazas a un evento de grande alcance en todos os niveis. Un festival de ilusionismo que, por vez primeira, abrangue a toda a comunidade autónoma galega e que será un referente a nivel mundial dentro do mundo da maxia. Comezará en agosto e terá programación en sete cidades galegas.

REVISTA NOVEMBRO
O mago galego Dani Polo | Cedida

E por arte de maxia, temos outro festival. Pero esta vez non é de música, se non de ilusionismo. Galicia Ilusiona é unha iniciativa de dous meses e medio de duración que levará a máis de 30 artistas por sete cidades galegas e máis de 100 localidades, entre as que se atopa Vigo. Haberá unha gran gala internacional, maxia solidaria en hospitais e retos de maxia extrema, todos eles de balde agás as galas.

Comezando pola gala internacional, realizará unha xira por sete cidades galegas con parada en Vigo o 9 de outubro no auditorio Mar de Vigo. A velada estará conducida pola coñecida presentadora Esther Estévez (Dígocho eu!) e contará cos mellores magos do mundo, que virán de países como China, Estados Unidos, Venezuela, Corea, Bélxica ou Francia. Representando a Galicia estará o novísimo mago de Melide Dani Polo. Esta será a única actividade de pago, cun custe de 12€. Podes mercar as entradas aquí.

Baixo o nome Maxia no camiño o festival percorrerá numerosas vilas da man de magos galegos para chegar ao maior número de xente posible. Lugares achegados a Vigo como Tui, Redondela, Gondomar, O Porriño, Mos, Nigrán ou Moaña albergarán estas actividades. O que si albergará a cidade olívica serán os retos de maxia extrema de Víctor Cerro, quen traerá un dos seus temerarios shows ao centro comercial Vialia o 13 de agosto. Alí Cerro buscará superar o record mundial de permanecer máis tempo no interior dun forno de gas a 300 grados. Por último, e dun cariz máis amable, a Maxia Solidaria chegará á Unidade de Pediatría do Álvaro Cunqueiro o 7 de outubro, onde os magos realizarán espectáculos especiais para a rapazada que se atope ingresada.