CAMELIAS MASCOTAS

Os abonos para o festival Sinsal saen á venda o xoves

A Illa de San Simón acollerá do 22 ao 24 de xullo a vinte edición do Festival Sinsal. Os abonos para asistir ao festival saen a venda este xoves 26 de xullo e as entradas de día poranse á venda o día 30.

Festival SinSal 2021 | P. Vázquez

O festival Sinsal SON Estrella Galicia activará a semana que vén a venda de abonos para a súa nova edición, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na illa de San Simón. A cita musical, impulsada por Sinsalaudio, recupera logo de dúas edicións os abonos para o público, o que permitirá gozar, por un prezo reducido, de tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas, en canto a estilo e orixe das bandas; ademais do contacto coa natureza e dunha viaxe en barco de ida e volta desde o litoral até a illa redondelá, situada no corazón das Rías Baixas.

Un dos principais atractivos desta edición será que, por segundo ano consecutivo, a programación secreta de cada xornada será completamente diferente a do día anterior, de xeito que cada día actuarán artistas diferentes, dos que un 90% tocarán por vez primeira en Galicia. Outro dos alicientes deste ano é que Sinsal SON Estrella Galicia retomará o seu horario habitual, de xeito que, mentres que a xornada do vernes será de tarde, tanto o sábado coma o domingo o festival desenvolverase ao longo de toda a xornada, desde pola mañá até o luscofusco.

REVISTA NOVEMBRO

O día 26, a partir das 11.00 horas, o público poderá adquirir os seus abonos de tres días a través da plataforma web www.enterticket.es, na que poderá seleccionar o seu abono en función do embarcadoiro desde o que desexe viaxar a San Simón: como é habitual, estarán situados no porto de Vigo e Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande). Aquelas persoas que decidan partir desde a cidade olívica gozarán dunha viaxe máis longa en barco, unha estancia de maior tempo na illa e, ademais, dunha bóla extra: cada xornada poderán desfrutar dun concerto máis ao desembarcar en San Simón.

Alén do punto de embarque, os prezos dos abonos variarán en función da idade do público (maior ou menor de 16 anos). Por unha banda, no caso das persoas adultas, os abonos de Vigo terán un prezo inicial reducido de 119 euros, mentres que no caso de Meirande o prezo de partida será 105 euros. Pola outra, o prezo deste tipo de entrada para as e os menores de 16 anos, ou que teñan esa idade no momento de celebración do festival, será de 45 euros (Vigo) ou 40 euros (Meirande). Como novidade, este ano Sinsal incorpora a posibilidade, grazas á colaboración que a Asociación de Festivais de Galicia mantén coa Xunta de Galicia, de que as persoas usuarias do Carné Xove poidan optar a un desconto do 15% sobre o prezo inicial á hora de adquirir os abonos, que se realizará sobre as primeiras 100 compras.

De cara á semana seguinte, o luns 30, sairán á venda as entradas de día de Sinsal SON Estrella Galicia. Todas aquelas persoas interesadas nesta modalidade de entradas, que inclúen tamén o traslado á illa desde Meirande ou Vigo, poderán adquirilas a partir das 11.00 horas a través da plataforma www.enterticket.com. O prezo das entradas diarias do venres é de 40€ para os que saian de Vigo e 35€ para os que embarquen en Meirande; as entradas de sábado e domingo costarán 50€ (Vigo) e 45€ (Meirande). Aplicaranse tamén os correspondentes descontos aos menores de 16 anos e aos usuarios de Carné Xove.