VIALIA
bannerPicnicSesions

Saen á venda as entradas para o Sinsal Museo do Mar

Xa podes adquirir os billetes para unha nova edición do Sinsal Museo do Mar, que terá lugar os días 7 e 8 de setembro no museo vigués. Aos artistas que xa coñeciamos súmanselles outros como Y La Bamba, FAIA e Mary Lattimore. Ademais dos concertos haberá unha serie de actividades de balde para toda a familia.

Dous días para celebrar a música e o patrimonio marítimo de Vigo: o 7 e 8 de setembro o Sinsal SON Estrella Galicia Museo do Mar celebra a súa segunda edición. O sábado 7, a partir das sete da tarde e de pago, cos concertos de Rocío Márquez, Y La Bamba, Mary Lattimore, FAIA, Iko Cuyagua e unha artista máis por confirmar. Ademais, a ESAD e o Conservatorio Superior de Música de Vigo presentan Escenas para unha viaxe submarina. Invitación ao mundo de Julio Verne. O domingo 8, actividades e dous concertos de balde, a partir das 12:30 da mañá.

As entradas xa se atopan dispoñibles na seguinte ligazón cun prezo de 25€ máis gastos, de 5€ para menores de 16 anos e de balde para crianzas de 0 a 3 anos. O cartel do sábado o encabeza Rocío Márquez, referencia da flamenco desde que en 2008 gañara a “Lámpara Minera” do Festival Internacional del Cante de las Minas (La Unión, Murcia), quizais o festival deste xénero máis importante do mundo. Outro dos nomes que atopamos é o de Y La Bamba, banda asentada en Portland que lidera a cantante e compositora Luz Elena Mendoza, de ascendencia mexicana. O seu último disco, o quinto, titúlase Mujeres e nel explora o que significa ser muller mexico-norteamericana.

REVISTA ABRIL

FAIA, coñecida por ser unha das integrantes da exitosa agrupación De Vacas, presenta o seu propio proxecto: Ao cabo leirín. Nel contou co apoio na gravación do Hevi, ou o que é o mesmo Malandrómeda, outro dos fenómenos musicais deste século en Galicia. A harpista Mary Lattimore forma parte tamén do cartel do sábado. Formada na música clásica, fai anos que explora as posibilidades do instrumento na música contemporánea e no indie rock, colaborando con artistas como Steve Gunn, Sharon van Etten, Kurt Vile, Arcade Fire ou Thurston Moore. Pola súa banda, o grupo Iko Cuyagua, formado en Madrid en 2012 con algúns dos membros de Cosmonauta, é unha das bandas gañadoras do concurso de Estudios Mans (Fundación Paideia).

A organización aínda se garda o nome dunha artista máis para a xornada do sábado 7, que arrancará ás 19:00 no Museo do Mar. Ademais, o público poderá disfrutar do espectáculo da ESAD e o Conservatorio Superior de Música de Vigo: Escenas para unha viaxe submarina. Invitación ao mundo de Julio Verne. A batalla de Rande e os tesouros que agocha a Ría de Vigo serán desvelados neste paseo subacuático conducido pola tripulación do Nautilus, que nos leva a unha viaxe sensorial e ao concepto temporal que nos transmite o mundo baixo o mar.

O domingo 8 de setembro o festival desenvólvese a partir das 12:30 do mediodía, con entrada de balde e coa xa confirmación do concerto de Deva, que acaba de formar parte do cartel do Sónar Barcelona. Un dos ses últimos lanzamentos, Cupido, con Recycled J, vai camiño do medio millón de reproducións en youtube. Unha sorte de “trap soul”, como ela mesma apunta. Actividades familiares e visitas ao Museo do Mar completarán a xornada do domingo. O festival contará con oferta gastronómica para o público asistente. As persoas que merquen entrada para sábado 7 terán acceso a unha prevenda especial para Sinsal 2020 en San Simón, Redondela.

(GMT+01:00) Museo do Mar