Máis de 1200 carteis de 60 países participan na Bienal de Cartelismo Terras Gauda
A exposición formada por 1249 carteis, enviados desde 64 países, convocada desde hai dúas décadas por Terras Gauda estará na Estación Marítima ata o 4 de maio. Dous días despois terá lugar a entrega de premios, onde se coñecerá o cartel gañador, os accésit e a mención especial.
A 15ª Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gaudas, tamén coñecida como Concurso Francisco Mantecón en honor ao artista vigués, abriu as súas portas na Estación Marítima esta mesma mañá. Nas súas paredes penduran un total de 1246 carteis, todos os que se presentaron a esta nova edición do prestixioso evento de cartelismo, un dos máis recoñecidos do mundo organizado por unha entidade privada. Nas 15 convocatorias anteriores recibíronse máis de 20.000 obras, o que dá unha boa mostra do peso deste evento.
Estas pezas únicas, que xiran ao redor do viño, uvas, viñas, Galicia ou mar, proveñen de 64 países, algúns tan lonxanos como Ruanda, Zimbabwe, Yemen, Kazajistán, Irán, Cuba, República Dominicana, Canadá ou Australia. O xurado está formado polo arxentino Marcelo Ghio, os estonios Eva Unt e Margus Tammik (gañadores da última edición) e por Javier Mariscal, veterano deseñador creador, entre moitísimos proxectos, do famoso Cobi. O artistas multidisciplinar valencián repite no xurado tras participar en 2003.
Un dos atractivos desta Bienal é o feito de que todos os carteis participantes están expostos, todos co mesmo tamaño e a mesma importancia. Isto, ademais de supoñer un bonito xesto a todos os artistas que dedicaron o seu tempo en crear as pezas, tamén serve para decatarnos da difícil tarefa que ten por diante o xurado. Algo que os diferentes membros destacaron foi a gran variedade de técnicas utilizadas (fotografía, acuarela, dixital, tipográfico, 3D…) e a xuventude de moitos dos artistas, dato a destacar pois supón aire fresco para a profesión.
Ademais do gañador (que levará 10.000€) e dos dous accésit e mención especial (2000€ a cada un), haberá 40 finalistas que optarán a participar na imaxe publicitaria para as Xornadas de portas abertas das rutas dos viños de Galicia, organizadas por Turismo de Galicia. Neste caso as contías económicas serán de 10.000 e 5000€ para os vencedores. A exposición estará dispoñible ata o 4 de maio no primeiro andar da Estación Marítima, de martes a domingo de 18:00 a 21:00.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024