O Museo do Mar acolle a maqueta do Gran Vigo de Palacios
O arquitecto porriñés Antonio Palacios, un dos máis importantes do século XX a nivel estatal, é o protagonista da exposición que estes días se pode visitar no Museo do Mar. Alí coñeceremos en profundidade a súa vida e obra, accedendo a material exclusivo do arquitecto e a fermosas maquetas dalgúns dos seus proxectos máis relevantes. Poderá visitarse ata o 31 de marzo.
A través de tres ámbitos, Arquitecturas para a modernidade, Os apoios na tradición e na historia e A construción dunha identidade, o público poderá achegarse tanto á produción arquitectónica como ás inquedanzas artísticas e ás iniciativas culturais de Antonio Palacios na súa traxectoria vital entre Galicia e Madrid. Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.
Entre a súa extensa produción atopamos, ademais do xa mentado Palacio de Comunicacións de Madrid, o Círculo de Belas Artes (Madrid), Casino (Madrid), Hospital de Jornaleros de Maudes (Madrid), Instituto Cervantes (Madrid), Casa Palazuelo (Madrid), edificio do Concello (Porriño), Templo Votivo do Mar (Panxón), Igrexa de Vera Cruz (Carballiño), Escola Infantil Santa Susana (Santiago) ou o Palacio del Agua (Mondariz).
Por suposto, en Vigo tamén deixou a súa pegada: deseñou o Teatro García Barbón, despois de que o Rosalía Castro ardera no mesmo lugar; o Edificio Banca Viñas-Aranda, fonte ao teatro na rúa Reconquista; ou o Mosteiro da Visitación das Salesas Reais, en Teis. No entanto, o seu proxecto máis grande na nosa cidade foi un que nunca chegou a levarse a cabo, e que na exposición podemos observar en forma de maqueta. O Gran Vigo de Palacios foi o intento do arquitecto de transformar á cidade olívica na “Barcelona do Atlántico”, vertebrándoa a través de dúas vías principais: a Atlántica, pola costa, e a Cornisa, que baixaría desde o Castro ata o mar. Aos lados destas rúas levantaría grandes e vistosos edificios que cumprirían diferentes funcións: hoteis, embaixadas, museos, edificios administrativos… O Castro sería coroado polo monumental Palacio Rexional e onde hoxe está o Concello estaría o Palacio Municipal.
Este proxecto foi botado abaixo, mesmo con críticas de compañeiros como Jenaro de la Fuente fillo e Manuel Gómez Román, en 1937. Entre os motivos desta negativa atopamos que non era viable económicamente, que supoñía unha ameaza para os intereses da cidadanía e a necesidade de ter que derrubar numerosas contruccións para abrir as dúas vías principais. Máis de oitenta anos despois, preguntámonos como tería sido Vigo de seguir o Plan Palacios e conformámonos con ver a impactante maqueta de máis de dous metros e medio realizada polo alumando de mecanización do IES Politécnico de Vigo coa axuda do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG).
A mostra poderá visitarse ata finais de marzo de martes a venres de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 19,00 horas. Os sábados, domingos e festivos, poderá visitarse de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas. Tamén haberá visitas guiadas ata que remate xaneiro nos seguintes horarios: martes e venres ás 12:00 e 17:00 e sábados e domingos ás 12:30 e 18:30.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024