CAMELIAS MASCOTAS

Greengranel

Moi preto da peatonal do Calvario atopamos Greengranel, este pequeno comercio que nos ofrece unha compra sostible, de calidade e 100% vegana.

Hai sete anos, volvendo de facer a compra, Sandra Vázquez foi consciente da cantidade de residuos que xerara desempaquetando os produtos que acababa de adquirir. Quixo cambiar as cousas, e cambiounas. En 2017 abriu unha tenda e fíxose ao veganismo. En Greengranel ofrece os produtos que atopamos en calquera supermercado, pero de maneira sostible e 100% vegana. A granel, utilizando envases de vidro, respectando o planeta e todos os seres vivos que o habitamos. Para iso Sandra ten en conta a procedencia de cada produto: favorecendo a proximidade, reparando no empaquetado, priorizando a venda a granel e, por suposto, a calidade. Nesta tenda tamén se defende a idea do movemento slow, é dicir, gozar da compra, dos produtos naturais, das comidas tradicionais, dos alimentos de temporada en compañía doutras persoas, da elaboración dos pratos e das materias primas en estado natural. Moita xente descubriu a tenda en redes sociais, e achégase a ela xa concienciada coa filosofía sostible, pero tamén hai quen se aproxima pola calidade dos produtos, descubrindo que é posible consumir dunha maneira máis consciente. O mesmo aconteceu nos últimos anos cos provedores. Cando abriu a tenda, Sandra decatouse de que as opcións eran reducidas, pero recoñece que aumentan cada día, que a sociedade avanza.

Rúa de Aragón, 13 | 986 09 18 00 | 664 67 90 10 (Telegram, WhatsApp) | info@greengranel.com | IG: @greengranel | greengranel.com | FB: Greengranel