Percorre Galicia a catro rodas con Furgos Río
As viaxes en furgoneta están a gañar cada vez máis adeptos. Aportan liberdade, autonomía e posibilidade de chegar (e facer noite) en lugares de bandeira por prezos moi económicos. Con amigos, en parella ou en familia; con mascotas, bicicletas ou táboas de surf. As posibilidades son infinitas, e Furgos Río ofrece a oportunidade de facelas realidade.
Furgos Río naceu hai tres anos como un ingreso complementario aos dous locais de hostalería nos que traballan Celtia Yáñez e máis o seu pai. Como é sabido, a pandemia afectou de maneira notable este sector, polo que decidiron darlle un pequeno empurron ao proxecto das furgonetas, que na actualidade está a gozar dun enorme éxito. Non o dicimos nós: os tres vehículos que posúen levan totalmente ocupados de aquí para alá desde xuño, e ata setembro non hai ocos para novas reservas.
Este último ano e medio tan estraño provocou tamén un cambio no propio concepto de turismo. Moitas persoas optaron por evitar grandes núcleos urbanos nas súas viaxes, preferindo espazos naturais, tanto de costa como de montaña. Para esta clase de desprazamentos as cámpers son unha opción óptima, pois están perfectamente equipadas (auga quente, cociña, ducha, camas, calefacción…), son máis económicas que un hotel, evitas aglomeracións e ofrecen unha autonomía excepcional. “Agora valoramos máis o que temos preto de nós e o aproveitamos máis en familia”, opina Celtia.
Despois de tanto tempo metidos na casa mirando pantallas, este tipo de viaxes permite, segundo Celtia, “pasar máis tempo xuntos na natureza, desfrutar da compañía e coñecernos máis”, opinión válida tanto para familias, parellas ou amigos, pois as furgonetas albergan ata 4 ou 5 persoas. Estes plans non só son válidos para as vacacións de verán, senón que son moi propicios para escapadas de fin de semana, pontes ou mesmo para ir a esquiar nos meses de inverno. De feito xa hai quen está reservando con antelación para setembro e outubro.
Que sitios teñen máis tirón entre a clientela de Furgos Río? “A Costa da Morte está tendo moitísimo éxito, e tamén a Ribeira Sacra“, comenta. Xa a título persoal, Celtia recomenda a zona de praias de Cangas ou, xa máis ao norte, Muxía e Burela, onde hai “praias espectaculares sen sobrecarga de turismo”.
IG: @furgos_rio | furgosrio@gmail.com | 648728151
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024