CAMELIAS MASCOTAS

As entradas para o Festival Sinsal Esencial saen á venda esta semana

As entradas do festival Sinsal sairán á venda esta semana, con prioridade de compra para as persoas que asistiron a SinSal Museo do Mar 2019. O festival de música, paisaxe e patrimonio celebra a súa edición Esencial entre o venres 23 e o domingo 25 de xullo na Illa de San Simón cun cartel musical que permanecerá secreto ata o desembarco na illa.

O cartel da edición 2021, nomeada Sinsal Esencial, contará con máis dunha ducia de artistas que achegarán ao público asistente algunhas das creacións máis estimulantes do panorama sonoro actual. Ao longo de tres xornadas de música en directo, e no marco dunha contorna natural singular, San Simón será o escenario dun festival que cada edición promove a difusión do patrimonio natural e histórico da illa, situada no corazón das Rías Baixas.

REVISTA NOVEMBRO

A partir do 8 de xullo, o público poderá adquirir, a través da plataforma Enterticket, as súas entradas para o evento, que este verán regresa á illa de San Simón entre os días 23 e 25 de xullo. A venda de tickets activarase ás 12.00 horas. O público poderá adquirir os seus tickets para cada día en función do porto de saída e de regreso, xa que a entrada inclúe o transporte marítimo desde o litoral até a illa.

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia establecerá un período prioritario de venda de tickets para todas aquelas persoas que, no seu día, adquiriron entradas para o Sinsal Museo do Mar 2019. O compromiso de Sinsalaudio, daquela, foi ofrecer un prazo anticipado para poder conseguir as entradas para un evento que, ano tras ano, esgota as localidades existentes con antelación á súa celebración. Esta semana recibirán un correo electrónico con información sobre como acceder á venda prioritaria, que poderán utilizar entre as 12.00 e as 23.59 horas do 7 de xullo. Ao día seguinte, ás 12.00 horas, abrirase a venda ao público.

Este ano, a organización do Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá a posibilidade de viaxar ata San Simón en barco desde dous puntos diferenciados: o porto de Vigo ou o embarcadoiro de Meirande, por 43 e 38 euros, respectivamente, máis gastos de xestión. O público que decida saír desde o litoral vigués terá a oportunidade de gozar dunha estancia de maior tempo na illa, unha circunstancia que se traducirá, á vez, na posibilidade de asistir a un concerto extra á primeira hora da tarde, no momento do desembarco. No caso daquelas persoas que decidan saír desde Meirande (Centro de Interpretación de Rande), asistirán aos concertos programados a partir das 18.00 horas e, polo tanto, será unha entrada máis económica que no caso do porto de Vigo. Ademais, tal e como é habitual na traxectoria do festival, todas as persoas menores de 16 anos (ou que teñan esa idade no momento da compra) poderán obter unha entrada de prezo reducido de 20 euros máis gastos de xestión. No momento de acceso ao barco nos embarcadoiros, deberán achegar o documento de autorización para a asistencia dispoñible na páxina web de Sinsal.