CAMELIAS MASCOTAS

Joaquín Martínez Silva: «Os festivais dependen moito das administracións»

Joaquín Martínez Silva (Portas, 1971), non é nativo, pero leva moitos anos vencellado á nosa cidade. Con sede na rúa de Urzáiz, a súa empresa Esmerarte Industrias Creativas é un bo exemplo de que a cultura pode ser rendible. Esmerarteestá detrás de festivais de tanto renome como PortAmérica e O Son do Camiño, e desde aquí levan artistas do nivel de Xoel López,Carlos Sadness ou Vestusta Morla. Tamén coñecido como Kin, este promotor ve retos nas dificultades e oportunidades ante os fracasos; a visión empresarial e a paixón pola música son, en gran medida, ingredientes do seu éxito.

Como agroma en ti o interese pola música?

Ademais de que me gusta a música como consumidor, o que me levou a isto foron vivencias como a do Festimad ‘96, en Móstoles, e a eclosión da música alternativa. Nese momento empezamos a argallar o Festival Cultura Quente, en Caldas de Reis desde 1998, pero eu antes xa tiña un bar, o Rañolas, no que organizaba concertos e ademais rexentaba unha tenda de discos. Mantiña unha vida moi vencellada á música, pero digamos que «oficialmente» me encamiñaba a ser funcionario.

Que foi o que provocou que deixases esa vía máis segura e te centrases en profesionalizarte no eido musical?

Por unha banda está o que tes que facer, ese peso da responsabilidade marcado pola familia; logo están as inquietudes por facer esoutras cousas coas que un se sente máis cómodo. Ao final termina un ciclo vital e empeza o seguinte case dun día para outro. Para moita xente era unha loucura, eu tiña 28 anos e estaba deixando algo que moita xente quería, pero aquilo non me facía feliz. Ten moito que ver coa paixón e a cobiza polo reto, que é algo que sempre me caracterizou.

Desde o 2009, cando naceu Esmerarte, medrastes exponencialmente, pero nunca marchastes fóra, como farían outros. Por que?

Temos unha oficina en Madrid, outra na Cidade de México, pero a base ten que estar aquí, nós non o entenderiamos doutro xeito. Creo que a cultura, a historia e o patrimonio nos identifica moitísimo e nos permite ofrecer a nosa perspectiva. Confiamos no potencial de Galicia. Sempre vimos a diáspora como algo negativo, agora nos damos conta de que os fillos, netos e bisnetos da emigración están ligados emocionalmente á terra, ao idioma, aos costumes… Todo iso posúe unha potencialidade da que moitos territorios carecen.

Falouse moito da movida dos oitenta, pensas que Vigo segue a ser unha referencia?

Non creo moito niso da movida viguesa; na miña opinión, aquilo débese máis ben á necesidade de describir un momento. Pero si que creo no talento que hai en Vigo. De aquí saíu e sae talento de diferentes estilos, esta cidade é un dos puntos quentes da xeografía española. Pero quero ser autocrítico, porque temos moito talento co que despois non pasa nada. É certo que as empresas e os profesionais das industrias culturais deberiamos ter un plan de apoio ao talento. A identidade de Vigo non está comprometida desde o punto de vista artístico, pero si que o está desde o organizativo.

En 2010 e 2011 organizastes Vigo Transforma, un dos festivais máis grandes que se lembran aquí, pero desapareceu subitamente. Que pasou?

Nós o que queriamos facer non era un festival masivo, senón unha marca. Buscabamos cambiar a cidade, non só a través da música, tamén coa moda, as artes plásticas e escénicas… Creo que non se entendeu esa intención transformadora. Politizáronse moitísimas cousas. Era un festival que acontecía na rúa, con moitos contidos gratuítos; non é que eu diga que a cultura teña que ser gratuíta, pois o que non se paga é o que non se valora, pero había unha reivindicación da rúa, queríamos sorprender… Eu prefiro quedar coas dúas edicións de Vigo Transforma que se fixeron, penso que se desfrutaron vivamente, recibo moitas mostras de cariño por ese proxecto.

E este ano a pouco máis marcha O Marisquiño, parece que nos custa manter os eventos de gran formato…

Hai unha dependencia fortísima das administracións. Os espazos son públicos, temos que pedir permisos especiais que ten que asinar a administración que corresponda en cada caso; logo está a precariedade do sector desde o punto de vista normativo. Todo isto implica que se acaben personalizando moito os proxectos, na política e na xestión, o que acaba por condicionar moitos factores. Organizar un evento de gran formato supón un risco elevadísimo, estás na corda frouxa, e moitas veces non se pode facer unha planificación para varios anos porque todo depende do momento. Imaxina que daquela fixeramos un plan de solvencia de Vigo Transforma a cinco anos, cando ao final non foi posible facer a terceira edición, sendo un festival que funcionaba e que a xente pedía… No noso caso non pasamos de amigos a inimigos porque marchamos sen entrar na refrega política que se armou daquela. Eu procuro non estar onde non me queren.

Dixeches algunha vez que precisamos dun espazo que acolla grandes eventos.

Si, temos o Audiotorio de Castrelos, pero está moi condicionado ao catalogarse como Ben de Interese Cultural (BIC). O sur de Galicia e o norte de Portugal carecen dun espazo para celebrar un gran festival ou para acoller grandes xiras. O Marisquiño ten ese problema, precisa de espazo para poderse desenvolver. Polas súas características de cidade portuaria, Vigo pode converterse nun espazo de acollida para artistas internacionais, queriamos contribuír a iso con Vigo Transforma.

Recentemente creouse a Federación da Música de España, Esmúsica, da que es presidente. Por que era necesaria esta organización?

Temos unhas necesidades brutais con respecto a outros sectores. Carecemos dunha regulación laboral específica, tampouco existe educación pública regulada para isto, non temos unha adaptación fiscal para o sector, nin un recoñecemento industrial de verdade… Fannos falta esas patas básicas para que a cousa estea ben asentada. Estivemos varios anos desenvolvendo un plan específico e a finais de 2019 puxémonos coa Federación, da que agora mesmo forman parte uns 120.000 socios. O ano pasado estalou a pandemia actual e é moi complicado poñerse agora a solucionar problemas cos que en catro décadas de democracia ningún goberno se parou.

Aínda vive a idea de que o sector cultural se mantén a base de subvencións. Pódense facer cartos con isto?

Eu separaría dúas cuestións: o que é unha subvención e o que é un patrocinio ou unha compra de algo. Cando unha institución paga para que unha volta ciclista pase pola súa cidade non está comprando as bicicletas, senón a promoción do territorio, págase por iso. As subvencións na cultura son moi pequenas, e o sector xera o 3,4% do produto interior bruto (PIB). A cultura patrimonial ten que estar apoiada para ser sostible. Pero hai outra parte da cultura na que temos que xerar modelos de desenvolvemento e xestión dunha maneira completamente industrial. A cultura pode servir como vehículo para promocionar a historia, un produto, o territorio etc. O que non pode ser é que sexan as administracións as que xeran os proxectos, iso non pasa en ningún sector máis que neste. Cando a Citroën quere deseñar un novo automóbil, primeiro deseña o coche e logo vai á administración para presentar o proxecto e explicar a repercusión que esa produción pode ter para o territorio. A industria non pode pretender que a administración deseñe o coche. Aí é onde temos que ser valentes e capaces para facer as cousas, mentres que as administracións teñen que ir da man de todo isto. Hai que despersonalizar o sector e apoiar os proxectos que de forma obxectiva son bos para a sociedade.

Esmerarte leva artistas de moito éxito. Hai algunha carreira da que te sintas especialmente orgulloso ou algún diamante en bruto do que queiras falar?

Non todas as historias son de éxito, tamén as hai de fracaso. Por exemplo, Le Punk foi unha banda na que sempre confiei, pero non resultou no seu tempo. Hai proxectos como Eladio y los Seres Queridos, que é unha banda da casa, capitaneada por un amigo, coa que levamos moitos anos; Pablo Lesuit paréceme un pedazo de artista que pode chegar a funcionar; Furious Monkey House, cuxo primeiro disco gravamos en Abbey Road cando as rapazas da banda tiñan 11 anos, agora rozan a maioría de idade e van sacar o terceiro disco. Son historias que talvez non supuxeron balances moi positivos a nivel económico, pero son un investimento. Hai proxectos nos que estamos traballando hoxe que poden ser os Vetusta Morla do mañá.

Disque cando acaba esta pandemia que nos abrangue, o sector vai experimentar un estoupido, que che parece?

REVISTA NOVEMBRO

Gustaríame que esas cousas que aprendemos a valorar durante a pandemia se levasen á música e á xestión cultural, o valor da humanidade e a vontade de ir cara a un mundo mellor. Gustaríame que cando escoite unha canción dentro duns anos implique certa mensaxe de optimismo e evolución favorable.

Tamara Novoa
Redactora xefa

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.