CAMELIAS MASCOTAS

O mural feminista da Gran Vía amence vandalizado

O mural ideado pola Marcha Mundial das Mulleres e Tamborililás Batukada feminista de Vigo, obra da artista Eva Casais, foi vandalizado esta fin de semana pola noite con pintadas machistas. Ubicado no número 99 da Gran Vía, a peza ilustraba a sete mulleres pioneiras e foi inaugurada o pasado 12 de abril.

REVISTA NOVEMBRO

A mediados de abril publicabamos unha desas noticias positivas que axudan a facer cidade e a lograr unha sociedade máis igualitaria: as asociacións Marcha Mundial das Mulleres e Tamborililás Batukada feminista inauguraban un fermoso mural na Gran Vía de Vigo, obra de Eva Casais. Na ilustración aparecían sete retratos de mulleres pioneiras: Carmen González “A Picona”, Rosarío Hernández “La Calesa”, Urania Mella, Saladina, Corona González Santos, Placeres Castellanos e Olimpia Valencia. A proposta, titulada As nosas pioneiras, xurdiu a raíz do mural vandalizado na Ciudad Lineal de Madrid.

Onte o muro amencía con pintadas de “Stop feminazis” e sinais de prohibido sobre o símbolo de Venus, o cal vén a demostrar o necesarias que siguen sendo estas iniciativas feministas a día de hoxe. As críticas a este ataque neandertal e acomplexado non se fixeron esperar: “Tinguiremos todos os muros de lila porque o feminismo non para até que todas sexamos libres!”, escribiron en redes a Marcha Mundial das Mulleres. Desde a asociación Nós Mesmas compartiron a seguinte mensaxe: “Fai falta moito máis que isto para pararnos, para calar os nosos berros, para silenciar as nosas reivindicacións. Creamos este mural xuntas, moitas mulleres man a man, á luz do día, representando mulleres con historia, que abriron camiño, que nos permiten estar aquí hoxe. E pensan que con un spray vermello, agochados e acobardados na escuridade da noite, van a facernos menos!”.

Pola súa banda, a autora da ilustración, Eva Casais, comentou o seguinte no seu Instagram: “Estaba sorprendida do tempo que duraba intacto, pero deime conta de que o único motivo polo que non se atacou antes foi o toque de queda. O ataque demostra a necesidade máis obvia deste tipo de intervencións e de educar á sociedade co FEMINISMO: cuxa máxima é a igualdade entre homes e mulleres, ao contrario do que cren este tipo de persoas que pensan que é a supremacía da muller ao home”. Resulta desalentador compartir cidade con xente así, pero mellor quedarse con que un par de pintadas non van deter un movemento que chegou para quedarse, pese a quen lle pese.