Sés: “Unha muller que fala claro é unha muller arrogante”
Sés non deixa indiferente, tampouco o pretende. Tanto enriba dos escenarios como fóra deles defende a uñas e dentes os seus ideais, “sei que non mudarei o mundo, pero saio a batalla para gañala”. Fala coa seguridade en si mesma que adquiriu despois de sete anos do seu primeiro disco. Unha seguridade aínda pouco común nas mulleres, “un home que fala claro é carismático, se é muller entón é arrogante”, ironiza. A música galega presenta este venres no Auditorio Mar de Vigo ‘Readmirando a condición’, unha revisión do seu primeiro disco.
Que diferencia ‘Readmirando a condición’ do teu primeiro disco ‘Admirando a condición’?
Pois que é a miña visión. Soa como eu quero que soe. O fixen tras ter unha experiencia en estudio, entón é aínda máis meu que se o tivera feito naquel momento.
Daquela consideras que no teu primeiro disco non tiveches a liberdade de facelo como querías?
Cando te producen é lóxico que o produtor poña o seu criterio. El é o que paga, e quen paga manda.
“Non son unha personaxe, son unha persoa”
Como cambiou Sés nestes sete anos?
O crecemento normal dun adulto nun entorno hostil. Foi un proceso de madurez e aprendizaxe. Un cambio emocional que leva consigo cambios profesionais. O empoderamento, a seguranza á hora de saber como queres soar, adquirir competencias dentro do estudio e do escenario para conseguir que os demais escoiten o que ti escoitas na túa cabeza… Para min o profesional e o persoal son dificilmente separables, máis en alguén coma min que non son unha personaxe, que son unha persoa.
Tes programadas varias datas fóra de Galiza nesta xira. Unha cantante galega, cantando en galego pode triunfar fóra de Galiza?
Se triunfar e vivir do que te gusta, podo dicir que si. Se triunfar e facer un sold out nunha sala a mil quilómetros da casa, tamén podo dicir que si. E máis ante un público que non fala a mesma lingua e cantando nun idioma que non ten ningún prestixio social. Pero non é un éxito meu, hai moitos exemplos mira Muguruza ou Ramstein cun idioma que só se fala en Alemania.
“Que digan xa que non se pode falar porque así os que argumentamos que non se pode falar non quedaremos de gilipollas nin de tolos”
Es unha gran defensora do galego e ademais tes formación como filóloga. Cal é a túa valoración da situación que vive a nosa lingua?
Estamos en vías de extinción. Unha situación que é potenciada por este goberno. Podo parecer politicamente incorrecta pero o que son e politicamente exacta. Baséome en datos: Só un 18% dos nenos galegos utiliza o idioma. Só tes que ir a calquera cidade galega e escoitar que idioma falan.
Estamos a vivir tempos convulsos no que á liberdade de expresión se refire. O caso de Valtonyc, o secuestro de Fariña, La insurgencia… Como vives ti todo isto?
Que anuncien xa que estamos nunha ditadura. Que se deixen de historias. Que digan miren aquí no les pagamos por pensar, ustedes produzcan que es para lo que están. Están para mantenernos a nosotros y a nuestros hijos. Y los suyos con que sepan multiplicar y dividir para vendernos la fruta ya nos llega, a la universidad irá uno de cada cien y ya nos encargaremos de que sea el prototipo de oprimido que sueña con ser opresor… Que digan xa que non se pode falar porque así polo menos os que denunciamos que non se pode falar acabaremos ou non acabaremos no talego, pero non quedaremos de gilipollas nin de tolos.
Farás folga mañá?
Si, claro.
“Debería ser unha folga universal. Igual que non creo que teñan que saír só os negros á rúa en contra do racismo.”
Por que?
Non estou de acordo na totalidade das características desta folga, porque eu creo que debería ser unha folga universal. Igual que non creo que teñan que saír só os negros á rúa en contra do racismo ou as persoas con diversidade funcional en contra das barreiras arquitectónicas. Se agardamos que unha persoa con parálise cerebral reclame os seus dereitos, canto teremos que esperar? Eu o que quero é que se normalicen as cousas e para normalizar as cousas todos e todas temos que loitar xuntos. Vou facer folga? Si. Iría máis contenta se tódolos seres humanos universalmente fixeramos folga? Tamén. É a única maneira efectiva de acadar cambios reais.
Que complicacións tes atopado por ser muller música?
Hai unha cousa que me jode un montón. As mulleres somos cantantes. Eu sempre digo que eu non son cantante e a xente entón replícame e dime que cantar canto. Pero si por exemplo a Sabina lle din que é cantante el rirase como me río eu e dirá ‘pero que cojones voy a ser yo cantante’ e a persoa coa que está falando dirá ‘é verdade usted es autor’. Pois o mesmo me pasa a min, eu non son cantante. Fago cancións e as canto … O caso é que se nos reduce porque ao final os cantantes son persoas que cantan, que non deciden, por iso moitas veces eu matizo. Cando me din que na música galega hai moito espazo para a muller e que grandes figuras do folk son mulleres gústame matizar. Son mulleres que cantan o que lles mandan, como lles mandan e en algúns casos poñen a roupa que lles mandan… e quen lles manda non son mulleres.
Moitos dos teus seguidores van os teus concertos non solo pola música senón tamén por escoitarte falar, nunca te aconteceu que non tiveras nada que contar ou que simplemente no te apetecese falar?
Ganas de falar ultimamente non teño nunca. Son unha tía moi faladora, teño moitas cousas que dicir pero é verdade que estou cansa de escoitarme falar. Cando falas, se es home es carismático pero se es muller es unha arrogante e narcisista… É duro e tes que aprender a poñerte vaselina para que te esvare. Pero, logo chego ao concerto e vexo unha rapaza vestindo unha camiseta de ‘Non son fada’ e iso págame todo. Págame o sufrimento. Porque eu sei que non vou cambiar o mundo, pero cada vez que saio á batalla é para gañala, e iso leva moita enerxía.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024