Numerosas actividades ata marzo no Centro de Documentación Feminista
O primeiro trimestre do 2021 vén cargado de actividades no Centro de Documentación e Recursos Feministas, con faladoiros, clube de lectura, obradoiros e encontros con escritoras. Dadas as limitacións de reunión impostas para frear a expansión da Covid o programa de actividades terá lugar de xeito virtual, a través da plataforma Google Meet. A primeira sesión será o roteiro en feminino Sons de Mulleres, este mércores ás 19:00.
O ciclo de faladoiros Percorrendo Vigo con lentes violetas propón actividades para pensar en Vigo con perspectiva de xénero a través de distintas temáticas nas que as mulleres están representadas na cidade. O primeiro será o mércores 20 xaneiro ás 19h, co Roteiro en feminino: Sons de Mulleres, conducido por María Casar. O mércores 10 de febreiro á mesma hora, a xornalista Ana Baena nos guiará polas Mulleres no rueiro vigués e o mércores 10 de marzo teremos a oportunidade de coñecer os murais da artista Vanesa Álvarez dentro do proxecto Expostas.
Outra das actividades será un Curso de edición en Wikipedia que se desenvolverá ao longo de 5 sesións, desde o 2 de febreiro ata o 2 de marzo, e estará impartido pola xornalista Montserrat Boix e Adrián Estévez. De xeito paralelo, convócase unha reunión periódica todos os luns de 11 a 12:30h para a edición da Wikipedia de cara a dotar os contidos da mesma de perspectiva de xénero. Todas aquelas persoas que desexen participar nestes obradoiros deberán inscribirse previamente no teléfono 986 810 284 ou o enderezo ofi.muller@vigo.org.
Como é habitual na programación do Centro de Documentación e Recursos Feministas, o programa para o presente trimestre contén un clube de lectura. Celébrase o último mércores de cada mes, comezando o 27 de xaneiro co comentario da obra Todo lo que no te conté, de Celeste NG. Sucederanlle os coloquios arredor dos libros Senlleiras, de Antía Yáñez e Yo sé por qué canta el pájaro enjaulado, de Maya Angelou. Para esta actividade tamén é preciso inscribirse previamente.
Por último, a escritora e dramaturga María Carrazoni impartirá un Laboratorio de lectura e escritura, na que se explorará a escrita a partir da lectura e o comentario de textos literarios. A actividade desenvolverase ao longo de oito sesións que terán lugar entre o 4 de febreiro e o 25 de marzo. De novo, todas aquelas persoas que desexen participar nestes obradoiros deberán inscribirse previamente no teléfono 986 810 284 ou o enderezo ofi.muller@vigo.org.