Chega aos cines ‘Ons’ de Alfonso Zarauza
Hoxe chega as salas de cinema o último filme de Alfonso Zarauza, Ons. A película protagonizada por Antonio Durán Morris e Melania Cruz pode verse nos cines Yelmo e nos Gran Vía.
Aínda que a cultura non estea a vivir os seus mellores momentos o cinema con selo galego continúa a súa boa racha. Hoxe chega ás salas de cine o último filme de Alfonso Zarauza, Ons. Unha película que aínda que o seu director cualifica como de “rumiado lento”, fai que permanezas atento a cada detalle durante os 87 minutos de proxección. Son eses detalles, esas conversas concisas, as que pouco a pouco van dando as pistas para aproximarnos ás personaxes e comprender a trama.
O filme sitúanos na illa de Ons. Onde, tras unha profunda depresión pola morte do seu amante nun accidente de coche, o doutor Vicente (Antonio Durán, Morris) chega xunto á súa esposa Mariña (Melania Cruz), co obxectivo de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio. A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que lle pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor, ata que tras un naufraxio no medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá ser o que era.
Sinala o director que “quería facer unha película que falase da necesidade e a escaseza. Neste caso da necesidade de amor, de seguridade emocional, de maternidade e de desexo, pero tamén da escaseza de todo iso”. Zarauza consegue falar de todos estes aspectos combinándoo cunha trama de misterio que fai que en ningún momento decaia o interese do espectador. Consegue algo aínda máis difícil, que saiamos da sala de proxección e levemos o filme con nós para casa.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024