CAMELIAS MASCOTAS

Todas as actividades para esta fin de semana de Samaín

Aínda que o ambiente por estas datas tende a ser máis festivo, existen algunhas actividades para gozar deste Samaín en familia. Festivais de cinema, concertos, maxia ou actividades lúdicas son algunhas das cousas que poderemos facer na fin de semana máis terrorífica do ano.

Comezando polo cinema, desde o pasado mércores ata o sábado 31 está a ter lugar no Hotel Bahía (bautizada para a ocasión como Sala Overlook) o Galician Freaky Film Festival, cunha programación chea de terror, fantasía, asasinos en serie e demais situacións pavorosas que se che veñan á mente. Ademais, xa que o aforo é ben reducido, poderedes visualizar toda a sección oficial (60 curtas) desde a vosa casa grazas á opción en liña que habilitaron nesta terceira edición.

Para un público máis familiar tamén hai unhas cantas actividades, como por exemplo as organizadas polo Concello, que son La Araña Matilda de Koremi o venres ás 19:00 na peatonal do Calvario, Uxía Lambona e a Banda Molona o sábado ás18:30 na pista deportiva da rúa Merlo (A Paz) e o espectáculo musical e de maxia de Animar-t, ás 18:00 no mesmo lugar.

No Centro Cultural As Pedriñas teñen montada unha boa o sábado. A pesar de ter que adiar os concertos da noite por mor da nova normativa, manteñen toda a programación infantil, que comezará ás 13:00 co show de Brais das Hortas Contos para caghar patatillas. Despois do xantar, ás 18:00, teremos a Pakolas presentando o seu novo libro-disco Ramona Órbita, a dona do tempo. E todo isto de balde ata completar aforo!

REVISTA NOVEMBRO

En Humor Amarillo Vigo (Samil) haberá unhas Olimpiadas para monstruos desde o venres ata o domingo, con horario de mañá e tarde. Probas divertidas para facer en familia ou con amigos durante hora e media. Un amplo espazo para que as crianzas maiores de 6 anos gocen de maneira segura.

O sábado en Beade haberá unha casa do terror para todos aqueles valentes que queiran pasar unha noite realmente terrorífica, ata as 23:00, iso si. Casa Morga nace no ano 2016 baixo a dirección de Iván del Río. Conta cun elenco de 12 actores, cada un deles interpreta un personaxe de terror. O percorrido cámbiase cada ano para que todos os visitantes gocen dunha nova e terrorífica experiencia. Será ás 21:00 no Camiño do Laranxo 12 e haberá unha segunda xornada o sábado 7 de novembro.

Outras actividades relacionadas co día dos mortos serán a exposición dun altar mexicano dos mortos no restaurante Bendito Nopal, no Mercado do Progreso, ata o domingo. O sábado ás 18:30 no Centro Comercial Camelias poderase facer o truco o trato nos establecementos, ademais de haber animacións terroríficas e personaxes infantís. Tamén poderedes pedir doces nos comercios preto do antigo hospital Xeral ao longo do venres 30.