Estas son As ArtisTas de Davida en Travesas e Florida
Seguimos descubrindo a localización de cada unha das ArtistAs retratadas polo ilustrador David Amoedo, Davida. Neste caso daremos unha pequena volta polos barrios de Travesas e Florida para atopar ás tres mulleres agochadas nos muros e locais desta zona: Sanny, Patricia Meira e Carmen Rosende.
SANNY – Praza da Miñoca (xunto á cafetería La Clika)
Cantautora. A súa traxectoria en solitario comeza no ano 2012, aínda que iniciouse como letrista durante a súa adolescencia, feito que co tempo convertiuse no eixo central da súa música con fondas influencias de artistas do folk e rock norteamericano como Bob Dylan, Joan Báez ou Bruce Springsteen. A música como ferramenta social, no seu traballo trátase con frecuencia temas ligados ao emocional e ao íntimo, deste xeito explora os suxeitos das súas cancións, maioritariamente femininos, e as estruturas que rexen as súas vidas. No verán de 2019 gravou o seu primeiro EP, Loners Downtown.
PATRICIA MEIRA – Praza da Tellada
Patricia Meira (Monforte de Lemos, 1979) estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e Educación Social na Uned. Sempre estivo vencellada ao mundo dos versos desde moi cedo como consumidora e lectora de poesía, colaborando activamente en diversas revistas e fanzines. En 2014 publica o seu primeiro poemario No ahogar pescado ni comerlo sentimentalmente e en 2016 colabora co libro A violencia dun sorriso do poeta indio Thamizhachi Thangapandian, tamén participa nos libros Latexo Beat e Manuel Antonio e mais nós. Non- maternidade (2019) é o seu último libro publicado na editorial Urutau Combina a literatura co teatro desde 2009 na EMTV. É guionista e directora de Careco Teatro, especializada en montaxes de microteatro, e co-fundadora da compañía teatral Fauna 113.
CARMEN ROSENDE – Telas Montse (Av. do Fragoso, 56)
Carmen Rosende, nada en Vigo en 1987 estudou jazz e música moderna en Escola Estudio de Santiago, cursou un máster internacional en vocal coaching na Escola de Patoloxía da Linguaxe en Barcelona e numerosos cursos de voz e movemento con profesores americanos coma Bob Stoloff. Desde os seus comezos cantou en distintas formacións de jazz e soul; en 2014 fundou a súa compañía de teatro musical coa que representou tres obras orixinais, en 2015 o coro Elasong de voces femininas que a día de hoxe ten máis de 30 integrantes e no mesmo ano a súa escola de música especializada en cantantes “Carmen Rosende vocal coach” onde imparte clases de técnica vocal. Na actualidade canta en distintas formacións e no seu proxecto persoal “My Red Cougar” un espectáculo musical con pinceladas de teatro, poesía e baile.
Cada semana subiremos unha serie de pistas para que atopedes ás ArtistAs de cada barrio. As primeiras persoas en atopar e fotografar todas as obras recibirán unha copia do libro ArtistAs asinado por Davida. Quen saque fotos ás Artistas dun só barrio, entrará no sorteo do mesmo libro. E, por último, quen sexa o primeiro en sacar unha foto de calquera das obras gañará unha lámina do debuxo en cuestión desta singular exposición. Ao subir a foto a Instagram ou Facebook tedes que poñer o hashtag #ARutaDasArtistas e etiquetarnos a Davida (@davidavgo) e a nós (@amovidavigo).
Consulta aquí as do barrio Casablanca.
Aquí as do Casco Vello.
E aquí as de Bouzas.