O Festival de Cine inclusivo medra ante as adversidades
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF nas súas siglas en inglés) celebrará do martes 13 ao sábado 17 a súa quinta edición, na que incorpora novas seccións como as de curtas documentais, longas de ficción e webseries. Ademais das 28 proxeccións programadas, o evento inclúe tres actividades que xirarán arredor do cinema e a inclusión, todo isto de maneira gratuita.
Esta edición, que vén marcada pola crise sanitaria xerada polo COVID19, está dedicada aos sanitarios e, por ese motivo, varios dos traballos audiovisuais que se van proxectar serven para dar a coñecer e valorar o traballo dos sanitarios. Este é o caso da película De chaque instant, último filme do aclamado director Nicolas Philibert que abrirá o festival. Este acto terá lugar o martes 13 ás 20:30, xusto despois da proxección de Crip Camp: a disability revolution, no Auditorio Municipal, onde terá lugar o resto da programación agás o venres 16, que se trasladará ao Cine Salesianos.
A pesar de todas as restricións impostas pola pandemia, este ano o festival crece con novas seccións competitivas. Por unha parte divídese a parte de documental na sección VIG-IN-DOC, dentro da que se proxectarán as seguintes longas documentais pola inclusión: Crip Camp (A Disability Revolution), Midnight Family / Urgencias en México DF e Ara Malikian: una vida entre las cuerdas; e a sección SHORT-IN DOC de curtas documentais pola inclusión entre as que están:Carne, Un viaje inesperado, Woman, Paraíso, El monstruo invisible e Otra forma de caminar.
A sección de longas de ficción, baixo o nome de Inclusive, conta cos seguintes títulos: Nematoma (Bailando en la niebla), Cuerdas e Remember me, esta última protagonizada polo famoso actor Bruce Derns. A sección de curtas, todas elas audiodescritas e subtituladas, contará coa presenza de varios autores galegos: David Fidalgo, Antón Veiga e a viguesa Noemí Chantada, autores de Homomaquia, Para sempre, Málevich e Xoves de comadres, respectivamente. Completan a sección Orquesta Los Bengalas, Operación R.A.E., El método PIGS, There Will be monsters, Loca e Polter.
Outra das novidades do festival é o concurso de webseries online. Todo o público xa pode ver as cinco series que participan nesta primeira edición a través da web do festival e votar a súa favorita. No concurso deste ano participan as webseries Enfermedades raras, Indetectables, Amor superdotado, #Sitcom e Hasta la vista!.
Paralelamente ás proxeccións, desenvolveranse unha serie de actividades que pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo. Manuel Burque, guionista e actor na serie Vida Perfecta creada por Leticia Dolera, será o encargado de guiar o webinar ‘Vida perfecta e como rachar moldes’ da sección Coñece! do festival, dirixida a escolas. O sábado 17 ás 12.00 da mañá e de forma telemática terá lugar a Charla con AGAG (Asociación Galega de Guionistas). Baixo o título ‘El último show e a representación da terceira idade na ficción’. O mesmo día pero ás 16.00 horas, terá lugar a única actividade presencial do festival, o café con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización). Os directores Noemí Chantada (La mujer invisible) e Alex Cancelo (Aysha) participarán no coloquio ‘A responsabilidade dos creadores coa realidade’.
Por último, lembrar que os aforos serán reducidos a 1/4 da capacidade habitual (polo que é recomendable chegar con media hora de antelación) e que todas as medidas sanitarias cumpriranse de maneira efectiva, demostrando unha vez máis que a cultura é segura. Tamén recordar que todas as actividades son de balde, polo que é unha ocasión perfecta para gozar de cinema de calidade e comprometido coa sociedade.