Kaixo (Youcanthide): “Non pasa nada porque se xunten os do punk e os do trap”
Kaixo non pasa desapercibido, e así o demostra o poder de atracción que exercen os seus diferentes proxectos desde que comezou na música alá polo 2013. Xa sexa co colectivo Banana Bahía Music, en solitario ou agora con Youcanthide, a súa actitude valente e desprexuizada contén multitudes. Esta nova iniciativa, da man de Kings of the Beach, promete romper moldes e abrir horizontes a toda esa xente que afirma que hoxe en día xa non se fai nada novo e que a música de antes era mellor. Hoxe estrean o seu primeiro álbum.
Youcanthide é a túa primera banda?
En 2015 montei unha banda con xente de Vigo chamada Sumerian Pain, xunto con Yung Noguera e tres músicos cunha onda parecida aos KOTB. A banda non fructifera, non por nada senón porque eu saco o disco Sniff sniff e non teño tempo para seguir con ambos proxectos. Eu sempre tiven a espiña cravada de non ter unha banda, un proxecto diferente a Kaixo, que aínda que poda parecer máis responsabilidade, resúltame liberador.
Como e cando nace este grupo cos Kings of the Beach?
Hai un ano e medio, cando volvín a Vigo, oín falar deles e vinos en directo. Flipáronme e falamos para facer un tema: I gotta bullet, o noso primeiro single. Quedamos na súa sala de ensaio para practicar e foi maxia, saíu ao momento. Eu levaba un ano escoitando o disco Brutalism de Idles e pensei “agora si que atopei o tipo de movida que quero facer”. Cando vés do trap non sabes moi ben que facer cunha banda, se algo máis metaleiro ou se versionar os meus temas cun rollo The Prodigy. Idles teñen moitos matices, desde o punk dos 70 ata o estilo skate dos 90, pasando polo garage ou polo grunge. Entón comenteilles aos rapaces que ese era o estilo que podiamos probar e facer unha banda. Xuntámonos na miña aldea, en Nerga, unha semana de decembro e saíron todos os temas. Fixemos as sete cancións do tirón, e de feito xa temos un disco novo con outros oito temas que gravamos este ano. Gústame o de quedar tres días e facer un disco. Eles son moi bos músicos e eu compoño moi rápido, e humildemente penso que ben. A nosas enerxías conflúen rápido, é algo que nace da inmediatez, da maxia do momento.
Entón o de sacar o disco o mesmo día que o de Idles non é casual, verdade?
Totalmente. Foi para reflexionar sobre o feito de que xa que todo o mundo estase a fixar en Idles, tanto xente nova como máis maior, pois nós imos ofrecervos isto. Youcanthide tamén quere recuperar esa chama.
O voso son lémbrame, ademais de Idles, a bandas como Fidlar, Fu Manchu ou Rage Against the Machine. Cales son as vosas influencias?
Bandas como Viagra Boys, Turnstile ou Ho99o9, que mesturaban punk, rock ou metal co rap. Algo que se deu moito a finais dos 90 e principios dos 2000 con Korn ou Limp Bizkit, pero máis dirixido ao nu metal, non ao punk. Tamén bandas locais como Kannon. A cada persoa lémbralle a unha movida distinta, é o bonito de Youcanthide. Recupera o espírito de décadas pasadas sen renunciar a ser 2020.
Cada vez vemos máis artistas que veñen da música urbana formando grupos doutros estilos ou que mesturan xéneros moi distintos de forma moi natural, como poden ser Cupido, Antifán ou Ortiga. As etiquetas musicais pertencen ao pasado?
Xa hai moito. Nos últimos cinco anos o trap, o rap e o reggaeton foron os xéneros predominantes, pero creo que está a haber unha volta ao instrumental, á banda. Eu sempre tentei fuxir das etiquetas. Xa no 2015 levaba unha batería aos meus directos. As barreiras dos xéneros musicales derrubáronse, vivimos nun momento de fusión da cultura. Youcanthide busca volver ás orixes, back to basics. O que importa é a música, o directo, a enerxía, o cara a cara coa xente. En estudio soa guai, pero creo que nos directos é onde a xente vai quedar tola. Atopamos a forma de canalizar a enerxía dos directos de KOTB e Kaixo nun mesmo grupo. Youcanthide é moi xeracional, pero tamén lle gusta a xente de 40 anos, xa que recupera ese lume en xente que perdera a esperanza na música moderna.
Vedes algunha posibilidade de presentar o voso novo traballo en directo nos próximos meses?
Hai varios temas. O primeiro que desde a administración entendan que o punk e o rap teñen cabida dentro das súas programacións descafeinadas. Na iniciativa Galicia Emerxe están levando moitos grupos moi guais, pero sigo véndoo descafeinado. O mesmo coas promotoras, apostando sobre seguro. Non é unha crítica, senón algo constructivo, de que quizais habería que abrir un pouco máis o abano. O mesmo coas administracións, deberían estar máis abertos ás propostas da xente. Xa que nos locais non podemos tocar, déixame que che presente un proxecto con varias bandas no que ti poñas o escenario, os técnicos, a seguridade e as cadeiras. Xa buscarei eu a fórmula para poder cobrar, pero penso que os impostos tamén teñen que retornar á xente desta forma, en cultura. Eu espero que as salas poidan abrir antes, porque senón vai ser un desastre, para a cultura e o ocio nocturno.
Hai un ano, cando che entrevistei con motivo do festival Vigo Emerxe, comentabas que notabas unha falta de apoio municipal ás salas de concertos e aos proxectos independentes. Parece que as cousas non foron a mellor.
Desde logo que non (risos). Ao seu favor direi que como Kaixo notei máis comprensión nalgúns festivais, como por exemplo o Atlantic Fest. As administracións véxoas como sempre, non apostan por nada que arrisque a súa reputación e dedícanse a salvar os mobles e facer a foto. Non vexo unha preocupación pola cultura. Ás veces vexo intención, pero pasan os meses e os mesmos erros, as mesmas carencias… Vexo cousas interesantes pero o pastel lévano sempre os mesmos. Imos ter que empezar a falar en Galicia de monopolio cultural, que é unha palabra moi fea. O sector cultural ten que ser aberto, amplo e que todo o mundo conte. Eu non quero que me deas un millón de euros, quero que facilites o aceso á cultura. Modelos culturais como os de Francia, Alemaña ou Reino Unido son o exemplo a seguir. Dirán que non é comparable, pero si que o é. Non podemos igualarnos, pero debemos velo como unha meta.
A principios deste ano, antes de saber todo o que ía pasar, Banana Bahía Music deu o seu último concerto como colectivo. Por que tomastes esta decisión?
En Banana levabamos moitos anos facendo música xuntos e xorde a necesidade de parar como colectivo para que cada un poida desenvolver a súa carreira particular. Tal e como está a cultura hoxe en día, ata que punto podemos facer chegar un colectivo histórico como BBM? O punto final é iso: un balance de 11 anos de carreira e ver que estamos onde merecemos. Para que imos seguir gastando o nome de BBM se xa non nos está a dar nada? Xeramos unha forma de facer as cousas: facer videoclips de todo, os day to days, os Banana Mondays… que é o modelo que se segue agora, desde hai cinco anos. Somos pioneiros, algo que por outra parte non te fai rico nin te dá recoñecemento. Esperamos que dentro duns anos alguén se pregunte quen foron os que fixeron todo nesta década. Pois fomos nós, amigo.
Algún proxecto futuro ademais de Youcanthide?
Desde Overdose temos unha asociación montada e queremos abrir un local, cando se permita o ocio nocturno e saibamos como van as cousas. Hai moita ilusión en proxectos como Youcanthide, queremos que represente a falta de prexuizos: nos pasa nada porque se xunten os do punk e os do trap. Quizais sexa unha punta de lanza dunha nova forma de relacionarnos entre músicos e público. Gústame xerar movementos plurais e respectuosos que arrastren a canta máis xente mellor.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024