16 novos murais na sexta edición de Vigo Cidade de Cor
A iniciativa Vigo Cidade de Cor segue enchendo de arte as medianeiras da cidade. Nesta sexta edición serán 16 obras máis, das que tres están sendo realizadas nestes momentos nas rúas Venezuela, Florida e Coruña. O elenco de artistas está formado tanto por talento autóctono como internacional.
Unha das propostas con mellor recepción por parte da cidadanía volta a levar a arte ás rúas. Falamos de Vigo Cidade de Cor, a iniciativa pública que pretende cubrir con murais algunhas das moitas medianeiras que deslucen a cidade. Se o obxectivo é cubrilas todas aínda tardarán uns cantos anos, mais polo de agora, contando as pinturas nos colexios, muros, túneles, pavillóns, etc. van 133 obras.
Na actualidade están a realizarse tres: Lula Goce na Avenida Florida, Equipo Plástico en Venezuela e Pow na rúa Coruña, en colaboración co Marisquiño. O cartel complétano Tamara Baz, Expostas, Xena, Colectivo Liguado, Sabek, Yoseba Muruguzábal, Carola Carrot, David de la Mano, Powone, Flix, Doa Ocampo, Dsineylexia e Darío Álvaro Basso. Os lugares de actuación serán San Roque, Aragón, Ramón Nieto, Cantabria, Guixar, Atlántida, Vilagarcía de Arousa, Don Bosco, República Argentina, Palencia, IES do Castro, Regueiro e a rúa Chao. O custe total ascende a 400.000€.
A maiores estase a realizar un proceso de mantemento dalgunhas das pezas xa realizadas cun orzamento de 30.000€. Outras, como por exemplo a obra de Gonzalo Alonso, Álex Fernández e Pow dedicada a Xulio Verne en Florida, vai refacerse desde cero, xa que foi plasmada con pinturas de mellorable calidade e actualmente estaba nun estado bastante deteriorado.
No apartado negativo, o alcalde anunciou as inminentes obras que terán lugar na Curva de San Gregorio, o que conleva a sepultura dun dos murais máis fermosos da cidade: unha ilustración de Lula Goce na que aparecen un neno e unha nena cubertos de flores. Caballero engadiu que para compensar, a artista galega terá o seu oco en futuras edicións do festival. Cousas do arte efémero.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024