VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Este venres volve a Noite Branca con concertos e outras actividades

Este venres 13 volve a Noite Branca, a xornada na que os museos da cidade amplían o seu horario ata a madrugada e neles, ademais das exposicións, poderemos gozar de diferentes actividades, como concertos ou charlas.

Este venres, entre as 20:00 e as 2:00 da madrugada, a Rede de Museos Municipais gozará dun novo ambiente grazas á Noite Branca. Desgrazadamente, a situación actual non permite gozar desta noite tan especial en todo o seu esplendor, polo que haberá que agardar a outra ocasión para recuperar a presenza de todos os centros que normalmente participaban.

A iniciativa mantén a filosofía de gratuidade, sustentabilidade e participación que vén sendo habitual. Evidentemente, a seguridade vai ser prioritaria, mantendo a distancia de seguridade e vixilando a capacidade máxima de cada recinto. O uso de xel, máscara e de códigos QR para evitar os folletos informativos tamén están asegurados.

Os concertos serán os seguintes:

21:00 h: ATLANTICA | Mirador enriba do Monumento á Batalla de Rande.
Transpórtanos a terras próximas e lonxanas, a través das músicas que navegan no noso mar. O fado, o son, a cantiga galega, músicas de Cabo Verde a Arxentina, que reflexan o eterno navegar; a veces sereno e suave e, enérxico e intenso.
Duración estimada: 50

21:00 h: GRUPO 1500 DE MÚSICA ANTIGUA. “A música e o mar” | Adro de pedra do xardín dianteiro do Pazo de Castrelos
O grupo interpretará unha selección de músicas da Idade Media e Renacemento, evocadoras do mar.
Duracion estimada: 50 minutos

22:00 h: ORDET | Planta primeira da Pinacoteca
O adxectivo que mellor define a Ordet é o de Sound Art. A súa proposta é arriscada tanto no que se refire a composicións musicais como ás súas letras. Vídeo e música experimental baseada nunha concepción ecléctica da composición e improvisación.
Duración estimada: 45 min.

24:00 h: FRASQUITA VINTAGE | Praza da Princesa.
A banda viguesa achega o swing e Blues dos anos 20-40 aos nosos tempos. Combinan a súa actuación musical co baile a través do claque ao estilo dos bailaríns afroamericanos “hoofers”.
Duración estimada: 50 min.

20:30 h: ELISEU MATOS | Planta primeira da Casa das Artes
Eliseu é un dos grandes novos cantores de Portugal. Guitarrista formado na música clásica desde moi novo, para continuar estudos dentro do Jazz, converte todo este aprendizaxe nun xeito de crear un pop propio de marcado carácter intimista.
Duración: 45 min.

23:00 h: SON TRIO. | Detrás do MARCO
Interpretan os temas do seu primeiro disco. Miña Almiña, na que poñen música a unha escolma de poemas de Follas Novas de Rosalía de Castro, completando o repertorio con versións propias de cancións populares galegas e pezas nas que poñen son a outros poetas galegos.
Duración estimada: 50 min.

01:00 h: HIGHT PAW | Detrás do MARCO
É unha singjay (cantante e MC) de Vigo nada en 1993. A súa faceta de escritora comeza a tomar forma aos 15 anos e entre parques e escenarios libera a súa voz influenciada polos grandes cantantes da música negra, pero nunca privando ao oído dos estilos máis variados.
Duración estimada: 50 min.

A maiores dos concertos e das exposicións temporais e permanentes, poderanse realizar reservas para as numerosas actividades e obradoiros do programa “Verbum creativo” (986 240 130 ou 619 948 920; reservas.aprmvigo@gmail.com). Tamén se inaugurará a exposición Silverio Rivas. Mente-Materia ás 20h na planta baixa da Casa das Artes. O Museo Liste inaugura ás 20h O recanto de Molist, colección de faros de bicicleta que acolle en depósito o Museo, e a charla “Festas gastronómicas galegas no verán e cociñeiras de batalla”, a cargo de Xavier Castro Pérez, catedrático de historia e escritor, experto na historia da alimentación en Galicia.