CAMELIAS MASCOTAS

Sen pelos na lingua, pero con espiñas

Aceda, atrevida, extravertida e extremadamente franca; en resumo: un toxo. Carla Avión iniciouse no debuxo dixital centrado en produtos editoriais no ano 2015, despois de desencantarse co mundo da moda. Mellorando as súas técnicas de forma autodidacta, a base de ensaio e erro, e botándolle moito xenio chegou a ser o que é hoxe: Miss Toxo. O deseño 100 % galego desta marca naceu da necesidade de Carla por ocupar o seu tempo nunha actividade útil. Na angustia do paro, necesitaba manterse entretida e empezou a debuxar con trazo simple a súa rutina, o seu día a día, a explicar a súa opinión sobre o que lle acontecía ou simplemente a esbozar anécdotas dunha tarde entre amigos. Ao primeiro non sabía cara a onde enfocar esta nova vea creativa ou que quería conseguir con ela. O único que tiña moi claro era a lingua na que se expresaría: a nosa, xaora. E que as súas creacións gardarían sempre unha relación estreita coa matria galega.

REVISTA NOVEMBRO

Así, pouco a pouco, pasou de ser un proxecto caseiro a transformarse nunha personaxe potente nas redes sociais, composta por dúas compoñentes claras: 50 % feminismo e 50 % carraxe. A primeira metade do conxunto baséase no que debemos deprender para poder mellorar. Carla mantén que non posuímos a verdade absoluta e que, por desgraza, ninguén pode definirse como feminista ao 100 %, xa que temos demasiados micromachismos interiorizados e desfacerse deles require moito tempo e moito traballo. A segunda metade da suma é toda a maldade que corre polas súas veas, ese odio interno que sentimos, iso que morres de ganas de dicir, pero que sabes que é moi duro ou que pode ferir sentimentos. En definitiva, a sinceridade levada ao extremo. Peitos sen censura, mans tinguidas de morado que reivindican o seu, corpos nus de muller e moitas frases célebres que gustarías de soltarlle ao teu xefe (Chúpame un pé, por exemplo) son parte das efectivas ilustracións de Miss Toxo. Se queres facerte con algún dos seus atrevidos deseños, non dubides en visitar as súas redes sociais (@misstoxo) e, se ti tamén estás en loita, visita as redes de Fillos do Mar (@fillosdomar), outra das nosas marcas favoritas, coa que Miss Toxo fai un tándem perfecto, para atopar máis das súas propostas sen pelos na lingua, pero con espiñas.

Por Estela Gómez

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de marzo de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)