Julio Gómez (Festival SinSal): ‘En Galicia fáltanos curiosidade por coñecer outras músicas’
O pasado 16 de maio anunciábades que, despois de 17 edicións, non celebraríades o SinSal en 2020. Como foi a decisión?
Está claro que o festival este ano non se pode celebrar, pero moito do traballo xa está feito e, se as condicións o permiten, celebrarémolo o ano que vén. Xunto ao SinSal de San Simón en xullo tamén cancelamos a súa extensión de primavera no Museo do Mar.
Non hai SinSal, pero seguro tedes algunha alternativa. En que estivestes traballando durante o confinamento?
Si temos un proxecto en marcha, pero non é unha alternativa, pois o plan inicial era poder celebrar ambos eventos paralelamente. Trátase dun proxecto que combina as artes coa posta en valor do patrimonio industrial e histórico da nosa ría e o coidado medioambiental. Chámase SinSal Litoral e terá lugar en distintas localizacións da ría de Vigo, como a illa de San Simón, Cesantes, o Castelo de Soutomaior e gustaríanos poder contar cun asteleiro vigués. Xa fóra da ría, estaremos unha tarde no Mosteiro de Santa María de Oia.
Tedes xa a data para este SinSal Litoral?
Si, farémolo na fin de semana que tiñamos previsto o SinSal: do 23 ao 26 de xullo. Estamos pechando a programación estes días, que estará formada por artistas de proximidade, e publicarémola en canto poidamos.
Este será un cambio importante respecto ao SinSal, no que o cartel é secreto ata que os asistentes desembarcan na illa. Como se consigue colgar o cartel de completo sen desvelar a programación?
O de éxito é relativo. O noso aforo é reducido, de apenas unhas 800 persoas. Eu non coñezo un festival tan pequeno, pero igualmente estamos contentos coa resposta da xente. Creo que o noso mérito está en facer que estas persoas escoiten a grupos descoñecidos, que en condicións normais non escollerían. Cada vez máis as persoas tiran ao coñecido e isto reduce moitísimo as posibilidades de programación, xa que coñécese unha mínima parte do que realmente existe. Nós revertimos esta dinámica e neste aspecto si considero que temos certo éxito.
De calquera xeito a música é só unha das caras da nosa proposta. O festival está deseñado para ser unha experiencia con moitas caras e moitas perosas deciden participar pola localización natural, chea de patrimonio e historia e pola convivencia que se xera nun espazo tan amplo, no que 800 persoas case pasan desapercibidas. É un festival moi distinto no que esa comodidade ten moito valor.
Como ves o nivel dos festivais galegos?
Á calidade dos festivais galegos é indiscutible. Temos mellorado moitísmo nos últimos cinco anos, pero, en moitos casos, aos galegos fáltanos curiosidade por descubrir novas músicas. Iso é responasabilidade conxunta dos organizadores, as institucións e , sobre todo, o público, que é quen crea a demanda. Neste aspecto si creo que nos festivais de cine ou escénicas está máis aceptada a inclusión de propostas descoñecidas, incluso é un reclamo. Na música non, as persoas asocian a música a un momento lúdico e polo tanto precisan recoñecela e identificarse con ela. Se puidésemos dar ese pequeno paso de interese cara o descoñecido na música, estaríamos ante un grande avance.
Por que cres que ocorre isto en Galicia?
Non é un problema exclusivamente galego, mais ben de toda España e ten que ver co ligados que nos sentimos á nosa propia música, na que inclúo a música latina. Penso que se, por exemplo, quixésemos facer Paredes de Coura a este lado do Miño teríamos problemas para xuntar a 10.000 persoas. Talvez porque a música portuguesa non ten o peso específico que ten a música española. Colegas doutros países sorpréndense cando lles contas a cantidade de artistas españois que poden chegar a encher estadios igual que os internacionais.
Durante esta cuarentena aferrámonos ás artes, especialmente música ou audiovisuais, para evadirnos da situación. Cres que saímos desta valorando máis a cultura?
Non o creo. Creo que as persoas si valoran as artes, pero precisan identificarse con elas para facelo. Debemos traballar por ampliar ese abano de afectos e iso conésguese con información. Creo que aí a situación vivida ten pouco que ver e si poderían axudar os medios de comunicación, que pecan de emitir mensaxes demasiado simplificadas respecto á música.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024