Unha cadea ciclista pedirá máis espazo para as bicicletas en Vigo
Con motivo da celebración do Día internacional da bicicleta e para reclamar que se creen infraestruturas específicase se facilite e promova o seu uso na cidade de Vigo, a asociación A Golpe de Pedal prepara unha acción de visibilización para mañá, mércores 3 de xuño a partir das 20:30.
A bicicleta é un medio de transporte saudable e non contaminante, que ademais nos permite desprazarnos individualmente, mantendo a distancia de seguridade polo covid e mellorando a calidade de vida dos habitantes das cidades.
A Golpe de Pedal, coas entidades ecoloxistas Verdegaia, ADEGA, Greenpeace e Ecoloxistas en Acción, e co apoio da Coordinadora Estatal ConBici, propón unha manifestación ciclista no Día mundial da bicicleta, que sirva para visibilizar e popularizar este medio de transporte e para pedir ao Concello a ampliación das infraestructuras ciclistas e maior seguridade para quen se move a dúas rodas.
A manifestación terá lugar en tres rutas da cidade: Paseo Alfonso aBouzas, Porta do Sol a Teis e Praza América a Navia. Cada unha delas será percorrida por un grupo de ata 15 ciclistas separados por 2 metros, para garantir que a reivindicación teña lugar de xeito ordeado e responsable. Durante a marcha, están previstos os cortes de calzadas cunha duración aproximada de 5 minutos.
A acción está aberta á participación da cidadanía. Quen desexe participar, deberá inscribirse con antelación neste formulario e presentarse no lugar de saída que lle corresponda ás 20:20 do 3 de xuño, para recibir instruccións dos cordinadores do seu grupo e comezar a marcha 10 minutos despois. A cadea ciclista terá unha duración dunha hora.