BANNER PLAYDOC

FLIV, a feira dixital do libro galego

Nace en Galicia unha iniciativa pioneira para a difusión da nosa literatura, un festival dixital no que haberá espazo para presentacións, recitais, contacontos, concertos e mesas redondas con autores asentados e emerxentes de xéneros variados. A cita é os días 26 e 28 de xuño no portal web www.fliv.ga

Os encontros entre a cultura e o mundo virtual seguen acontecendo pese a apertura de man respecto aos lugares que podemos visitar. As redes sociais e as videochamadas están tomando o lugar dos encontros multitudinarios prepandemia, ben sexa para paliar os seus efectos ou como iniciativas a longo prazo. Vemos pasar polas pantallas festivais escénicos, música de todo tipo, charlas, late shows e agora tamén libros, a través do FLIV, un festival literario que ‘busca aproveitar as vantaxes da telemática para poñer en comunicación a autores e lectores‘.

O Festival Virtual do Libro da Galiza (FLIV) é unha iniciativa organizada pola escritora e xestora cultural Anna R. Figueirido, xunto a Fervenzas Literarias e a empresa Datalib e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. As organizadoras vén nas ferramentas dixitais unha oportunidade para amosar a riqueza da nosa produción escrita e lograr que a literatura galega trascenda no espazo e tempo. Estes contidos permanecerán na web e seguirán sendo accesibles unha vez pasadas as datas do festival, atopando un beneficioso equilibrio entre o contacto inmediato entre autores e público e a perdurabilidade no tempo. É por isto que o FLIV nace con vontade de perdurar nos vindeiros anos, sen intención de substituir ás feiras presenciais.

O programa completo presentarase ao longo desta semana, mais no portal da iniciativa xa podemos ler nomes de autores vigueses, como Domingo Villar, Pedro Feijoo, Francisco Castro e Ledicia Costas e outra ducia de galegos, como Marilar Aleixandre ou Berta Dávila. Tamén está prevista a participación ods axentes arredor do libro, as bibliotecas e librerías e os colectivos que se moven en Galicia arredor da literatura.

En canto a temática, Figueiredo asegura que o FLIV ‘fará un repaso por todos os xéneros literarios: novela, ensaio, poesía, teatro e literatura infantil e xuvenil, sen descontar o cómic ou a presenza doutras literaturas na literatura galega por medio da tradución’ e que tamén se incluirán actividades específicas sobre Carvalho Calero, homenaxeado nas Letras Galegas 2020.

REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.